Acto de benvida en Galicia aos beneficiarios das bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Son 250 mozos e mozas que cursan estudos en máis de 70 mestrados das tres universidades galegas
A maior parte proceden de América Latina e outros de países europeos
O conselleiro de Emprego insistiu en que é urxente que o Goberno axilice o proceso de homologación das súas titulacións de orixe
O conselleiro de Emprego, José González, recibiu este sábado as persoas beneficiarias da novena edición das bolsas Excelencia Mocidade Exterior 2025-2026.
Son 250 mozos e mozas beneficiarios que cursan estudos en máis de 70 mestrados das tres universidades. A maior parte proceden de América Latina e outros de países europeos.
O conselleiro insistiu neste acto que é urxente que o Goberno axilice o proceso de homologación das súas titulacións de orixe para potenciar o seu talento e para permitir a súa inserción laboral en Galicia.
Estas bolsas puxéronse en marcha en 2017 na nosa comunidade co obxectivo de atraer talento cualificado e fomentar o retorno da mocidade universitaria galega residente no exterior.
"Este é un esforzo que facemos cada ano para traer 250 galegos e galegas do exterior, que fagan aquí os seus posgraos, cun investimento importante, digo investimento porque non é un gasto. Nestas nove edicións son case quince millóns de euros, 1.700 galegos e galegas do exterior, dos que o 85% quedan aquí traballando", dixo José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración.