Universidades, Educación e Sanidade ratifican o acordo para descentralizar Medicina
Queda pendente de aprobación por parte do grupo de traballo
De esquerda a dereita: o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; o reitor da UDC, Ricardo Cao; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
As tres universidades galegas e as consellerías de Educación e Sanidade ratificaron o acordo verbal presentado a principios de novembro para a descentralización da Facultade de Medicina. Este preacordo está pendente da aprobación polo grupo de traballo creado expresamente para este tema.
Así o confirmou o Goberno galego, que explicou que este venres, tras a entrega dos Premios Extraordinarios Fin de Carrera, celebrouse unha reunión en que participaron os tres reitores (USC, UVigo e UDC) e os conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
O texto, acordado xa a principios de novembro e ratificado este venres, elevarase ao grupo de traballo creado expresamente para abordar estas cuestións nunha reunión que celebrará o vindeiro luns e que se tivo que pospoñer - ía celebrarse o xoves pasado- por problemas de axenda dos integrantes.
A ratificación por parte dos implicados supón un apoio a un preacordo sobre o que sobrevoaron as dúbidas durante toda estea semana e sobre se, finalmente, sairía adiante ou algunha das partes se botaría atrás.
De feito, o conselleiro de Sanidade, preguntado este xoves por este tema, sinalaba contundentemente que el non tiña "esa información" e reiteraba o seu "optimismo" ante o proceso.