Publicador de contidos

Publicador de contidos

A educación dixital pasa por establecer límites claros e ofrecer modelos coherentes

A educación dixital pasa por establecer límites claros e ofrecer modelos coherentes

O psicólogo e divulgador Alberto Soler falou sobre a xestión e o uso das pantallas e as redes en Cedeira

G24.gal 12/04/2026 14:44 Última actualización 12/04/2026 15:02

Blindar a saúde e o benestar dos nenos e dos adolescentes sen illalos totalmente do mundo dixital é unha preocupación compartida pola maioría das familias. O psicólogo Alberto Soler expuxo en Cedeira algunhas ferramentas para xestionar o uso que fan os menores da tecnoloxía.

Coñecemos a regra de ouro para reducir os riscos asociados ao uso das pantallas na infancia e na adolescencia: canto máis tarde e menos mellor.

"Canto máis o adiemos e menos uso fagamos de determinadas ferramentas, mellor. Non pretendemos vivir nunha sociedade illada de avances dixitais, pero temos que atrasalo e minimizar o tempo de uso. Iso, xunto cun acompañamento, minimiza todos os indicadores de risco", explica Soler.

A estas alturas ninguén cuestiona que a exposición temperá e excesiva ás pantallas non é inocua. Na primeira infancia afecta ao desenvolvemento cognitivo, na adolescencia impacta en todas as áreas, de forma significativa na saúde mental.

Alberto Soler insiste: a educación dixital obriga a fixar límites claros, pero tamén a ofrecer modelos familiares coherentes.

"O máis importante é que haxa unha coherencia familiar, que as nais e os pais poidan servir de exemplo co uso que eles mesmos fan das tecnoloxías. Non é  prohibir ou limitar porque si, senón conseguir que o uso que facemos teña un sentido", asegura o psicólogo.

O papel das nais e dos pais é fundamental, si, pero as familias non poden actuar soas.

"Cómpre un marco regulatorio que protexa os menores daquelas condutas e impactos que poden ser negativos para a súa saúde. Iso as familias non poden facelo soas".

Trátase, en definitiva, de aprender a convivir co mundo dixital desde unha perspectiva controlada e saudable.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade