Pasatempos analóxicos para tardes de praia sen teléfono móbil
Os cadernos de pasatempos incorporan o xénero policial e a actualidade cultural
Son unha opción de entretemento en auxe ante a necesidade de desconectar da pantalla
Chegan as vacacións e ademais de desconectar do traballo cada vez precisamos máis liberarnos dun apéndice que se prolonga nas nosas mans: o teléfono móbil. Interfire no noso ocio máis do que queremos e por iso ás veces preferimos volver ao lapis e ao papel e entreternos á vella usanza.
O teléfono móbil conseguiu que os momentos de espera xa non sexan tempos mortos. Que sentemos á sombra na praia e non miremos o mar. Que fagamos unha parada para coller folgos e revisemos as redes sociais. Contra unha adición difícil de controlar volven os cadernos de pasatempos para adultos.
"Os cadernos de actividades son unhas publicacións que están xa moi instauradas no verán literario. A xente ven por eles para levar de viaxe. Son os pasatempos de toda a vida pero cun aire máis moderno, cultural e adaptado aos novos tempos. Fóra do que son as sopas de letras de antes", explica o libreiro Jacobo Ucha
Neles caben contidos culturais, deporte, viaxes ou misterios por resolver en clave matemática. A novela negra convértese en pasatempo e os entretementos analóxicos volven cada verán.
"A min válenme para desconectar, concentrarme niso e liberarme doutras cousas. Gústanme especialmente os sudokus. No móbil poden ser máis cómodos porque non hai que tachar, pero queda o encanto de utilizar o lapis e a goma de borrar... porque ás veces aventurámonos cando hai varias posibilidades e despois hai que borrar.
"Quero investir o meu tempo en algo que non teña que ser produtivo, que sexa por diversión e incluso por aburrirse, que é cando saen as mellores ideas. É preciso deixar as pantallas e desenvolverte noutros ámbitos que son moi esenciais.
Non son maioría os que enredan cunha baralla de cartas, ou cun encrucillado, tampouco os que agardan a chegada do tren cun libro na man e non é por falta de oferta. Porque libros para entreterse hai para case calquera momento do día.