Os comuneiros de Couso, en Gondomar, colaboran cun máster de sostibilidade de Harvard
Ensinan aos estudantes norteamericanos os seus cultivos de cogomelos, arandos e os bosques da lingua e memoria
Os comuneiros de Couso, en Gondomar, son xa un referente mundial polo seu bo facer, teñen recoñecementos da ONU e do Royal College of Art de Londres.
Pero ademais esta semana reciben a visita duns estudantes de Harvard interesados en coñecer o proxecto de sostibilidade que contempla o cultivo de cogomelos, arandos e mesmo un bosque da lingua e da memoria.
Mónica, Serrina, Avery e Scott cursan un máster de sostibilidade na universidade norteamericana de Harvard e coñeceron Couso grazas a un organismo catalán. Están convencidos de que poucas persoas desde sitios pequenos poden facer grandes cousas.
O californiano Scott considera que os bosques son esenciais para loitar contra o cambio climático e niso estes comuneiros son líderes e pioneiros. Para Serrina, natural de Colorado é importante que o resto do mundo vexa Couso como líder para a proteción ambiental.
Nestes días os catro alumnos están coñecendo os importantes proxectos desta comunidade que iniciou a plantación de cogomelos shiitake, que cultiva froitos vermellos, como os arandos, cos que fai confeituras e que ten ademais un bosque da memoria e outro da lingua en que honran as raíces e os primeiros homes que coidaron destes montes.
En Couso non paran nunca, agora traballan na colocación de 8 niños de paxaros para favorecer a súa reprodución, un proxecto en que colaboran co Instituto do Territorio.