A Universidade de Granada non atende pais de alumnos e abre o debate da sobreprotección dos mozos
Un dos vicedecanos da institución andaluza colocou un cartel advertindo que só trata cos alumnos
Trámites como pedir unha cita médica, ir ao banco ou votar por vez primeira xeran dúbidas entre os adolescentes
Pais non, grazas. Un simple cartel na Universidade de Granada abre un debate que se estende a moitas outras situacións. O vicedecano de Prácticas da institución andaluza colocou un aviso para comunicar que no seu departamento non se atenderá a nais, pais ou titores dos alumnos, posto que os mozos xa son maiores de idade.
Di que non se trata de "excluír" as familias da vida académica, senón que o que queren é fomentar a autonomía dos estudantes, que xa son adultos.
É unha norma non escrita pero completamente legal que tamén se aplica, por exemplo, na Universidade de Vigo. Os estudantes son maiores de idade e, xa que logo, son eles e elas as que teñen os dereitos sobre a súa información persoal.
"Son maiores de idade e por iso incluso algún podería denunciarnos porque dimos algún dato deles. Así que, non está escrito, pero non atendemos os pais", confirma a vicerreitora de Estudantado da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini.
Hoxe, a maioría dos trámites universitarios poden facerse en liña. Con todo, ás veces, os estudantes poden pedir axuda. Para completar un documento ou para pedir unha bolsa, por exemplo.
"Axúdanme se non son capaz. Intento facelo só pero, se non son quen, pido axuda", conta un universitario en Vigo.
"Normalmente son cousas que fago eu pero, se preciso algunha axuda, os primeiros cos que falo son os meus pais", engade outro mozo.
Máis alá das clases, os novos adultos afrontan un feixe de situacións que resultan descoñecidas cando se trata da primeira vez. Dende buscar vivenda, a facer xestións nun banco, pedir unha cita médica ou votar nunhas eleccións.
"Para votar, algo que é moi sinxelo, pregúntaslle ao teu o pai: Escoita, como funciona isto?", pon como exemplo un alumno da universidade.
"Son cousas que non houbo que facer nunca e que ninguén explica tampouco. Entón, hai que preguntar", resume unha moza ás portas da súa facultade.
O debate que xurdiu en Granada vai incluso máis aló: están as novas xeracións sobreprotexidas polos seus maiores? Axuda ou non querer axudar?
"Non os atendemos"
As visitas de nais ou pais non son habituais pero é verdade que si hai casos. Na Universidade de Vigo, a vicerreitora de Estudantado conta que, ás veces, teñen que rexeitar a presenza dos proxenitores nas reunións cos alumnos ou deben negarse a facilitarlles a información que solicitan. Como din dende Granada, Natalia Caparrini explica que os estudantes son maiores de idade e só eles teñen dereito a manexar os seus datos.