Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un cazador de 55 anos morre en Cospeito por un ataque de velutinas

Un cazador de 55 anos morre en Cospeito por un ataque de velutinas

Sufriu unha reacción alérxica a causa da picada das vespas mentres cazaba na parroquia de Xustás

G24.gal 26/10/2025 20:16 Última actualización 26/10/2025 21:37

En Cospeito, un tranquilo domingo de caza rematou en traxedia.

Javier Iglesia Paz, de 55 anos, cazaba perdices preto da casa, nunha finca no límite entre as parroquias de Matodoso e Xustás, cando a primeira hora da tarde foi atacado por ducias de velutinas tras pisar un niño. Aos poucos metros caeu sen sentido.

Era alérxico á picadura de velutina e sufriu unha reacción fulminante. Chamou por teléfono ao seu irmán pedíndolle a medicación para contrarrestar o efecto, que tiña na casa, pero todo pasou moi rápido.

"Sei que o pisou e a reacción foi moi rápida porque se vemos a distancia que hai desde o silveiro ata onde caeu el, serán cen metros" , conta un compañeiro do Tecor Terra Chá, Miguel Blanco Castedo, quen tamén cazaba na zona e se acheou ao lugar do suceso.

Cando caeu aínda lle deu tempo a chamar o irmán:

"Trae unhas pílulas que me acaban de picar unha velutinas, díxolle. Pero cando chegou xa estaba bastante maliño", contan. 

Ao lugar desprazáronse dúas ambulancias, pero nin os compañeiros de caza que prestaron os primeiros auxilios nin os sanitarios puideron reanimalo.

O falecemento do cazador de Cospeito causou fondo pesar. Estaba solteiro e xubilado e coidaba dos seus pais na casa onde reside tamén un irmán. Será soterrado este martes no cemiterio de Matodoso, en Castro de Rei.

É a terceira vítima mortal por ataque de velutinas en doce días en Galicia.

"Foi todo moi rápido", lamentou o alcalde da localidade, Armando Castosa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade