OPINIÓN
A inflación aumentará o custo de retorno ás aulas, por María Loureiro
A taxa de inflación interanual tamén aumentará o custo de retorno ás aulas. Esta semana, aproximadamente 372,000 galegos e galegas, un 15 % da poboación, retornará ás aulas, e farao nun mundo pospandémico; mais normal que o curso pasado, pero aínda tendo presente a necesidade de vixilancia constante fronte á covid-19.
A Xunta de Galicia anunciou un máximo de gasto orzamentario para educación que supera os 2.600 millóns de euros para este ano. Isto implica unha dispoñibilidade orzamentaria dun pouco máis de 7.000 euros por estudante e ano, en termos medios para todos os estratos poboacionais de achega pública. Pero a pesar dese bo dato, aínda estamos por detrás doutros países da nosa contorna e da OCDE, onde o gasto público medio por alumno vén sendo duns 10.000 euros (asumindo euro=dólar EUA). Se miramos a dedicación á educación con respecto ao PIB, España gasta un 4,2 % do seu PIB en educación, igual que Hungría ou Polonia, mentres que Portugal o supera cun 4,7 %, achegándose a Alemaña, que achega un 5 %. Os veciños de Francia empregan 5,4 %, pero aínda moi lonxe da desexada política educativa Norueguesa, que emprega o 7,6 % do PIB do país. Isto implica a necesidade de cofinanciamento por parte das familias de xeito significativo.
No conxunto español, o gasto en educación é, por tanto, o terceiro máis importante para os fogares, só superado por vivenda e sanidade. O Instituto Nacional de Estatística (INE) indica que o custo medio por familia foi de 1.200 euros por estudante no ano 2019-2020, cunha ampla franxa que vai de 936 a 2.300 euros, dependo do nivel educativo. Hoxe, a achega privada á educación está en máximos históricos, debido a dous motivos fundamentais: primeiro, o cambio de tendencia e aceleración da demanda de escolas concertadas ou privadas por parte das familias, que ademais de innovación curricular en moitos casos facilitan a conciliación e ofrecen horarios máis “á carta”, e, segundo, un incremento de custos asociado de clases particulares e outras actividades formativas derivadas da covid-19. Isto fai que un de cada seis euros (redondeando) dedicados á educación e formación no noso país procedan das familias.
Suxestións para reducir o gasto tanto familiar coma público hai moitas: dende o IVE cero ou súper reducido para material escolar, a gratuidade dos libros de texto, a compra pública de material e alimentación en comedores, transferencias ás familias, matrículas a custo cero, etc… Un día quizais poidamos falar destas medidas e da súa aplicación (ou non) en países que podemos considerar que teñen un bo “modelo educativo”.
Porén, dende unha perspectiva de economía pública, non temos que pensar exclusivamente en reducir o gasto do servizo que se proporciona, que tamén, senón en sacar o mellor rendemento posible por cada euro gastado. De non pensar en rendementos, podemos facer escolleitas terribles dende a perspectiva do benestar social. Por iso, dende a miña humilde opinión, unha das novas máis positivas para este novo curso académico é a gratuidade das garderías en Galicia, e non só por facilitar a conciliación familiar e a inserción das nais no mercado de traballo, senón porque son xermolos do que vai vir despois en termos de desenvolvemento intelectual do alumnado.
O premio Nobel de Economía do ano 2000, David Heckman, amosou que é na época preescolar, nesa en que o ser humano comenza a ser consciente da súa propia existencia e a construír aspiracións, cando o gasto educativo ten un maior retorno ecónomo. De feito, chegou a calcular que nalgúns investimentos feitos en educación preescolar nos Estados Unidos podían obterse retornos de arredor do 6.9 % do capital investido, un rendemento inalcanzable nos últimos 20-30 anos con bonos do estado e coa educación preescolar coma un elemento crucial para mellorar o benestar social. Ademais, por se quedasen dúbidas, tamén amosou que a rendibilidade do investimento era maior canto máis baixo era o estrato socioeconómico do alumnado.
En resumidas contas, temos logo que lembrarnos de que o gasto en educación é un investimento en capital humano e non un simple gasto superfluo. Toca recorrer á creatividade familiar, ao whatsapp de nais e país para troques e, fundamentalmente, ao esforzo social en prol da mellor educación posible para a nosa cidadanía. Así que, benvidos e benvidas ao novo curso académico!