Publicador de contidos

Publicador de contidos

A ilusión de reservar unha viaxe que nos afaste desta chuvia

A ilusión de reservar unha viaxe que nos afaste desta chuvia

Os galegos adiantamos a reserva das vacacións do verán a estes meses para ter máis oferta e mellores prezos

Viaxar agora sae a metade de prezo con respecto á Semana Santa

G24.gal 07/02/2026 14:28

As chuvias sen tregua tamén teñen consecuencias sobre o ánimo e os proxectos de ocio da xente. Cansos como estamos do mal tempo buscamos escapadas que nos traian unha raiola de sol. Os que poden, viaxan nestas semanas a destinos calorosos, os que aínda non teñen libre, polo menos planifican e reservan as vacacións do verán.

Entre borrasca e borrasca entramos no Nadal e metémonos no Entroido e aínda que nos resistimos a que este tempo nos encerre na casa e seguimos indo á praia coa espectativa de que abra un claro, despois de tantas semanas hai que buscarlle solución aínda que sexa a medio prazo.

"Os galegos cada vez que estamos nesta época do ano buscamos o sol con desesperación. É o que máis nos apetece, ir a un sitio onde non chova. Os destinos máis buscados nesta época son as Illas Canarias, Cabo Verde e o Caribe. Ultimamente vemos tamén que hai unha tendencia a reservar cruceiros polo Caribe", asegura Verónica Armesto, de Inifita Viaxes

Afortunados aqueles que o poden facer nesta época, con menos turistas, ofertas diferentes e mellores prezos. 

"Viaxando nos meses de fóra de temporada, comparado con Semana Santa, poden ter unha redución do 50% do prezo", asegura Armesto

Os que teñen que agardar aínda uns meses o que fan nesta hora é ir organizando a viaxe para que se faga máis curta a espera. 

"A venda anticipada cada vez é antes, empezou xa en novembro. Agora mesmo hai moitas reservas pero segue sendo un bo momento porque durantes os meses de xaneiro e febreiro é cando se conseguen os mellores prezos para o verán", di Armesto

Garanten así poder escoller destino mentres hai moita oferta, elixir os hoteis sen restricións de datas e sentir que esa viaxe xa reservada vai enxugar ben todas as molladuras deste inverno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade