Como en pleno verán a finais do inverno
Areais cheos por unha anomalía térmica que deixa temperaturas de ata 25 graos no interior e no sur
Toda Galicia estará hoxe por riba dos 20 graos. Temperaturas propias do verán cando aínda está a piques de entrar a primavera. Por iso se ven estampas de verán en pleno inverno. Volven os paseantes aos areais de Samil: caras sorrindo, fora abrigos e mesmo bañistas na praia neste verán adiantado que se pode gozar hoxe.
En Vigo chegarán aos 25 graos. Agradécese, despois dun inverno máis que duro. Niso coinciden todos os que se achegaron hoxe a praia de referencia na cidade.
Todas as vilas galegas tiveron hoxe temperaturas duns 8 graos por riba da media rexistrada nos últimos trinta anos. Iso si, as mínimas non soben tanto, e no caso de Santiago a diferenza será de 15 graos. Non é o caso no sur e no interior de Galicia. Mañá espéranse temperaturas aínda máis altas, malia que pode haber algunhas chuvieiras que non agocharán esta sensación de verán que hai na rúa.
O xoves haberá cambios, coa chegada dunha borrasca as illas Canarias. Malia que se espera unha primavera cálida, este verán adiantado ten data de caducidade. A borrasca Theresa será a número 19 no que vai de ano, e estamos a piques de rematar co alfabeto co que se nomean, xa que só quedarían Vítor e Wilma.