A hostalería precisa en Galicia máis de 10.000 traballadores este verán
A demanda turística é cada vez maior e moitos locais estudan reducir horas, terrazas ou días de apertura
O sector hostaleiro quéixase da falta de man de obra cualificada
Na época estival hai cada vez máis oferta turística e tamén máis visitantes.
Un ano máis agárdase unha temporada con récord de número turistas que verarean en Galicia, pero isto amosa tamén a preocupación do sector hostaleiro pola falta de persoal para facer fronte á alta demanda.
"Ao final non podes ter o dobre de xente fóra de clientes e ter o mesmo persoal, ese persoal non dá feito, hai que aumentar o cadro de persoal", di Francisco Javier Outomuro, presidente da Asociación de Hostalaría de Ourense.
"En Galicia temos uns centros de formación de hostalería excelentes, o noso centro de referencia co Centro Superior de Hostalería de Galicia. Hai canteira, hai equipos que saen pero a demanda é máis grande. Ante a necesidade recorremos aos grupos WhatsApp das asociacións do sector para preguntar sabes dalguén, coñeces a alguén?", engade Xesús Picallo, Vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.
Os datos son contundentes. Entre restaurantes, bares, hoteis, casas rurais. Estímase que a hostalería galega precisa más de 10.000 traballadores para cubrir a demanda deste verán.
"Os empresarios do sector queremos ter equipos estables, cunha boa conciliación laboral, tes que ofrecerlle as garantías salariais, ao mellor máis altas", destaca Xesús Picallo.
Antes a falta de persoal cualificado, o sector hostaleiro descarta poder cubrir a totalidade dos postos, polo que haberá negocios que reducirán os días de apertura, reducirán horarios e terrazas.
"Tes que reducir mesas para poder atender os que teñas", engade o presidente da Asociación de Hostalaría de Ourense.
"Está vindo moita xente de fóra que non vén traballar, Venezuela, Colomia, O Salvador, que veñen traballar no sector, senón o problema sería moito máis grave", asevera o vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.
Para cubrir a crecente demanda, outros tamén recorrerán a perfís profesionais cunha formación máis escasa.