O Día Mundial da Tapa vívese en Lugo como en ningures
Unha mostra de cortesía da que se fai especial alarde na hostalería lucense, con concursos dende hai décadas
En Lugo hai máis de 300 locais de hostalería onde poder degustar a tapa que acompaña toda consumición. Iso si, en horario de cociña. Cada establecemento ten a súa colección de clásicos, dos que fan gala neste Día Mundial da Tapa.
"Nós temos sobre todo dúas tapas. Son uns callos tradicionais, que levamos moitos ano facendo, e despois temos unha ensaladilla con produtos naturais, moi fresca", sinala Héctor López, cociñeiro do restaurante España.
"No meu local o que triunfa é o raxo, normalmente, e despois pincho moruno ou empanada. Iso é o que nós damos de tapa coa consumición", retruca José Luis Fernández, dono do bar O Peque.
"Por exemplo, o lacón, a tortilla, touciño con queixo, os champiñóns recheos... Son tapas que saen moi ben. A xente vén, toma un viño e apetécelles tomar algo", engade, Eduardo Cirpián, do bar Manolo.
"En Lugo a tapa está tan asumida que é algo imprescindible. A xente de fóra sorpréndese moitísimo porque non o entende", subliña Vanesa Santomé, encargada da cafetería San Marcos.
Para poñer en valor a tapa, os hostaleiros lucenses levan décadas organizando un concurso onde se fai alarde da mestría dos seus fogóns, mesmo acadando o nivel da alta cociña en miniatura.
"A nós gústanos sempre traballar con produto local, da provincia de Lugo, para poder logo exportar ese produto local, e tamén intentar facer algo diferente, incorporando produtos que non sexan tan cotiáns", explica José Luis Pardo, gañador do último concurso de tapas de Lugo.
"O concurso de tapas de Lugo leva vinte anos, os cinco últimos en novembro, e ten moito éxito. Nos quince días do concurso estamos a mover 250.000 euros", afirma Cheché Real, presidente de Hostalería e Turismo de Galicia.
Tal é a importancia da tapa que aspira a ser declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.