O impacto económico que deixa O Son do Camiño
A ocupación hoteleira supera a das festas do Apóstolo durante o festival
A espectativa de Turismo de Galicia é que esta edición supere os 23 millóns de euros de impacto económico
Último día do Son do Camiño que deixa unha ocupación hoteleira en Santiago superior a das propias festa do Apóstolo. A hostalaría agarda superar, despois desta xornada, os 23 millóns de euros de impacto económico que deixou a edición pasada.
Xa é a terceira xornada, e a resaca séntese no escaso madrugar dos festivaleiros. O de Linkin Park era un dos concertos máis agardados deste ano, e así se demostrou nas reservas hoteleiras para esta noite, que xa foran boas os días pasados.
"O festival empeza o xoves pero xa desde a fin de semana anterior está chegando moitísima xente para a montaxe, despois chega a xente de apoio aos grupos, chegan os artistas e a xente que lle gusta a música. Veñen de todos os puntos de Galicia, España e neste caso pola programación internacional, tamén de Europa", explica Esteban Iglesias, presidente da Unión Hoteleira Compostela
A previsión na reserva de aloxamentos é fundamental nesta data, para garantir unha boa localización e facela antes da suba de prezos de última hora.
"Reservamos xa o ano pasado un apartamento, e nós collemos unha casa aquí moi preto do Obradoiro para gozar do festival e de Santiago", contan os asistentes que aproveitaron a mañá para pasear pola cidade antes dos últimos concertos
"Pasa a ser unha das datas de referencia na cidade para todo o ano. É un dos eventos que nos congrega máis numero de persoas durante o ano, moi por enriba das festas do Apóstolo", asegura o presidente da Unión Hoteleira Compostela
O impacto económico deste evento tamén recae sobre os hostaleiros que detectan algo menos de xente có ano pasado nos locais pero que se mantén o consumo. Desde Turismo de Galicia calculan que este festival xera uns 5.000 postos de traballo entre directos e indirectos.