A Garda Civil recupera máis de 150 de pezas na operación contra o tráfico de arte sacra
A meirande parte do botín recuperado está sen catalogar
O grupo organizado actuaba en igrexas e pazos das provincias de Ourense e Pontevedra
Prisión sen fianza para dous dos detidos, na causa que instrúe un xulgado do Carballiño
O botín que puideron recuperar os axentes da Garda Civil no marco da operación Cinquecento-Templo Sagrado semella que foi apañado a eito, sen obxectivos concretos, máis que a venda a coleccionistas das pezas roubadas. De feito, expertos do arcebispado de Santiago e da Dirección xeral de Patrimonio teñen por diante un inxente traballo para tentar catalogar os preto de 180 obxectos recuperados, dos que, ata o de agora, apenas hai unha decena identificados.
O xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal Contreras, compareceu este luns ante os medios de comunicación co seu homólogo en Ourense, Rafael López, e co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para dar conta dos detalles desta operación conxunta. "Hai un labor de campo moi importante que é tratar de identificar a orixe das pezas, pode ser que algunhas foran adquiridas de boa fe, pero o que vimos é que unhas persoas dedicábanse a roubar e poñíanas nas mans doutras que tiñan a capacidade de poñelas no mercado".
Algunhas desas pezas exhibíanse en escaparates de establecementos de venda de antigüidades. Todos os roubos, ata un total de 18, foron perpetrados en diversos puntos das provincias de Ourense e Pontevedra, entre igrexas, pazos e vivendas particulares, aínda que non se descartan outros no norte de Portugal.
Tras felicitar os participantes nesta operación, o delegado do Goberno en Galicia enumerou os obxectos recuperados: "117 obras de arte sacra pertencentes aos séculos XVI ao XVIII, pero tamén 21 ornamentos litúrxicos e efectos eucarísticos, tres libros misais do século XVII, sete casullas eclesiásticas, cinco armas históricas, uns 5.000 euros en efectivo...".
Dos oito detidos, os dous supostos autores materiais dos roubos xa ingresaron en prisión sen fianza, dous acusados de receptación quedaron en liberdade con cargos e a outro impúxoselle unha fianza de 20.000 euros. Hoxe pasarán a disposición do Xulgado de Instrución número 2 do Carballiño os tres investigados que aínda non prestaron declaración.