Publicador de contidos

Publicador de contidos

Coidar as enxivas, fundamental para evitar a entrada de toxinas

Coidar as enxivas, fundamental para evitar a entrada de toxinas

A boca é o principal acceso de bacterias ao noso organismo e hai que defendela ben

Unha mala hixiene oral aumenta o risco de desenvolver algunhas enfermidades moi graves

G24.gal 27/10/2025 14:57 Última actualización 27/10/2025 16:22

Non é cousa de nenos. Manter unha boa saúde dental é fundamental sempre, en todos os sentidos da palabra. Os especialistas chaman a atención sobre a importancia de vixiar as enxivas, algo que moitas veces descoidamos.

A boca é a principal entrada de toxinas ao noso organismo e por iso hai que defendela ben. Porque unhas enxivas febles non serán un bo escudo. Por aí poden pasar ao corpo distintos tipos de bacterias.

Non sempre ten que ser así, nin moito menos, pero nos casos máis extremos esas bacterias e as súas toxinas poden chegar a provocar doenzas moi graves, dende unha enfermidade autoinmune a un accidente vascular.

"Cada setenta e dúas horas esas bacterias forman unha unión semellante ás dos mexillóns nas rochas, que, cando se adhiren, xa son moi difíciles de quitar", explica Xiana Pousa, directora médica da Clínica Pousa MAEX de Vigo.

Por iso, hai que manter, sempre, unha boa hixiene dental. De cativos e de adultos. E sempre, todos os días, Como mínimo, hai que cepillar os dentes dúas veces por xornada, senón poden ser tres. E hai que facelo con tempo e con constancia, de xeito continuado.

"Eu moito tempo non boto, tres, cinco minutos...", recoñece unha muller que pasea polo centro de Vigo. "Non tanto como debería, ao final... dous minutiños", admite un mozo. "Pouco, a verdade; e moi forte, a verdade. Doulle tan forte que me sangran as enxivas", relata outro home. "Entre limpar a lingua, usar os interdentais, logo o cepillo e o flúor, pois tres ou catro minutos", engade un cuarto entrevistado.

"Eu limpo os dentes catro veces ao día. Cando me levanto, despois do almorzo, despois do xantar e á cea", enumera unha moza que, como proba, amosa o cepillo que sempre leva con ela no bolso.

O cepillo é, sen dúbida, a ferramenta esencial. Ademais, poden axudar outros aparellos como os irrigadores ou o fío dental, que axudan a retirar restos de residuos de entre os dentes.

Dúas veces, dous minutos

Os especialistas recomendan, como mínimo, lavar os dentes dúas veces ao día, aínda que o preferible sería facelo despois de todas as comidas. E non é só cuestión de tempo, hai que prestarlle atención e non deixar zonas da boca sen repasar. E, para asegurármonos unha boa saúde dental, é un traballo a longo prazo. Non chega con limpar os dentes ben un día, ou unha semana, se despois non se mantén o costume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade