Os artistas ourensáns abren os seus talleres ao público
'Estudios Abertos' é unha iniciativa da asociación A Maquinadora que pretende achegar o proceso creativo á xente da rúa
Celebra a súa segunda edición con creadores xa consagrados e promesas emerxentes, das distintas ramas artísticas
As esculturas de Manuel Buciños reciben os visitantes, resplandecentes baixo un sol radiante, o mesmo que ilumina o taller do artista. Corenta anos de acción creativa concentrados nun único espazo.
"Si, toda. Hai obras desde o primeiro ano que acabei Belas Artes, ata hoxe", confirma o escultor.
A iniciativa dos Estudios Abertos naceu o ano pasado, para achegar os creadores ao seu público, nunha cidade que se louvaba de ser a Atenas de Galicia.
"Deixou de selo. E eu creo que isto dálle vida. A xente vén, está a gusto, coñece os artistas e a obra que están facendo...", reflexiona Buciños, crítico coa falta de apoio institucional ás artes.
Participan máis de trinta artistas de distintas disciplinas, 19 espazos repartidos entre a cidade e varios concellos da provincia.
"Dar a coñecer os artistas locais que temos na provincia, que son moitos, e moitos non se coñecían entre eles", explica Victoria Mociños, unha das organizadoras.
Os propios artistas son os guías nos seus talleres. O de Mon Devane era antes unha farmacia.
"Noto que hai bastante xente que coñece o meu traballo, sobre todo de rúa, que está moi interesada en coñecer sobre todo o traballo que hai no estudio. É un espazo, para min, multidisciplinar", comenta Mon Devane.
Mon Devane foi, precisamente, o gañador do premio Adquisición que outorga o xurado por unha Pulpeza, nunca exposta, que, coma os Estudios Abertos, integra modernidade e tradición.