A Garda Civil dá con dous sospeitosos de crear as fotos falsas de espidos de mulleres en Silleda
Os dous homes, de 29 e 35 anos, son sospeitosos de crear e difundir o material manipulado
As imaxes, con espidos e escenas de contido sexual, foran elaboradas con programas de IA a partir de fotografías obtidas nas redes sociais
A Garda Civil localizou dous homes como presuntos responsables da creación e divulgación de fotos falsas por intelixencia artificial (IA) de espidos e escenas de contido sexual dun total de 22 mulleres en Silleda.
Tras múltiples denuncias de mulleres por estas fotos de IA, a Garda Civil procedeu á investigación dun home de 29 anos como presunto autor dun delito contra a integridade moral e á identificación dun home de 35 anos de Silleda como presunto creador do material manipulado.
O Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra (EDITE) esclareceu este caso, no que se empregaron aplicacións de intelixencia artificial capaces de crear este tipo de imaxes a partir de fotografías obtidas de perfís de redes sociais.
As dilixencias foron remitidas ao Tribunal de Instancia, Sección Civil e de Instrución de Lalín.
A Garda Civil lembra que a creación ou difusión de imaxes íntimas manipuladas sen autorización pode constituír unha grave vulneración dos dereitos das persoas afectadas e dar lugar a responsabilidades penais.
Recoméndase ás vítimas denunciar os feitos o máis axiña posible, evitar calquera interacción cos autores e pide revisar periodicamente a configuración de privacidade das redes sociais e limitar a exposición pública de imaxes privadas.