Xa pasan de quince as denuncias polas fotos de espidos por IA, a metade das afectadas
Por agora non se puido determinar quen é o autor ou autores destas imaxes que afectaron mulleres maiores de idade
Xa son máis de 15 as denuncias presentadas en Silleda por mulleres que foron vítimas da difusión de fotos súas espidas creadas con intelixencia artificial.
A investigación segue aberta e a Garda Civil non descarta a aparición de máis vítimas. O equipo de delitos telemáticos da comandancia de Pontevedra dirixe as pescudas.
Por agora, non se puido determinar o autor ou autores destas imaxes que ata o momento afectaron mulleres que son maiores de idade.
As fotografías, segundo as primeiras análises, serían alteradas mediante o método coñecido como deepfake. É a peor cara da chamada IA, a intelixencia artificial.
"A través da miña parella que llo mandou unha compañeira de traballo, vin o video no que saio espida. Quedei en shock", confesa unha das vítimas.
Un shock para as vítimas, demasiado sinxelo de manexar.
"A facilidade é que podemos practicamente dialogar coa intelixencia artificial. Podémoslle dicir o que queremos coas nosas palabras e vaino entender. Polo tanto, é moi fácil de manexar", advirte Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos.
Tan intelixente é que mete medo o pouco control que temos sobre as nosas vidas.
"As 'deepfakes' son un grande risco porque teñen un grande impacto nas persoas, na privacidade e na dignidade das persoas pero os riscos da intelixencia artificial son moitos, por exemplo, crear noticias falsas para manipular a colectivos", advirte Suárez.
"Temos que pensar que calquera imaxe publicada en redes sociais escapa fóra do noso control. Subimos esa imaxe a unha rede social e calquera pode facer unha captura de pantalla e difundila", concorda Diego López, sarxento xefe do EDITE.
Pasou no caso de Silleda, con fotos cotiás dunhas 30 mulleres, elixidas ao azar.
"Na miña foto que é normal, subida a redes sociais, nesta estou cunha camiseta e nesa estou espida", sinala a vítima coas fotos diante.
"Antes había que ter coñecementos de imaxe e aplicacións que non eran de fácil uso pero agora é moi fácil e permite que calquera poida modificar unha imaxe e modificala con calquera contido", explica o presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos.
O suposto responsable, un veciño tamén de Silleda, onde se publicou o vídeo con todas as fotos, asegura que lle roubaron o móbil. Fronte a este risco.
"Revisar as opcións de privacidade e reducilas ao círculo máis próximo e pórlle un código de bloqueo ao teléfono móbil", recomenda o xefe do EDITE.
O equipo especializado en delitos tecnolóxicos da Garda Civil de Pontevedra segue a pegada dos móbiles e das fotos. O testemuño das vítimas e tamén das plataformas dixitais na cesión de datos resultará clave. O domingo chegou a primeira denuncia. En catro días, suman unhas 16, pero os que viron o vídeo contaron polo menos unhas trinta afectadas.