Mulleres de Silleda denuncian a divulgación de fotos falsas de espidos creadas por IA
Fontes da Garda Civil confirmaron a existencia de polo menos sete denuncias
Mozos de Silleda denunciaron a difusión de imaxes súas espidas supostamente creadas con intelixencia artificial (IA). Fontes da Garda Civil confirmaron a existencia de polo menos sete denuncia, todas elas de persoas maiores de idade.
O vídeo circulou polas redes á velocidade da luz. Elas, todas mulleres, fórono coñecendo de casualidade.
"O domingo pola tarde, a través da miña parella que llo enviou unha compañeira de traballo, vin o video no que saio eu espida. Eu quedei en shock. Non o podía crer ao principio. Non reaccionaba".
"A través dunha amiga. Pasoume o que vén sendo unha captura de todo, das imaxes que fixo con todas nós", contan as propias vítimas.
Un vídeo con fotos normais, de vida cotiá, que estaban no Instagram desas mulleres e que foron manipuladas por intelixencia artificial, coas súas caras pero con corpos espidos e erotizados.
"Na miña foto que é esta, completamente normal nas redes sociais, teño unha camiseta e nesta estou espida. Nesta nótase que é IA pero na outra calquera pode dubidar".
As denuncias superan por pouco a media ducia, pero hai fotos de alomenos trinta mulleres.
"De Silleda, de Lalín, creo que había algunha de Ourense e mesmo unha de Madrid, que non ten nada que ver coa vila", constata outro rapaz que tamén recibiu as imaxes.
"Miñas fixo dúas pero dalgunha moza fixo catro con imaxes moi fortes".
Estas denuncias apuntaran a outro veciño da localidade como suposto autor destas imaxes falsas. Unha barbaridade que apunta ao dono do móbil, a quen as publicou no seu estado de Whastapp. El deféndese.
"Estaba nun festival en Santiago e unha rapaza chamou a un compañeiro e díxolle que acababan de subir unhas fotos dende o meu Whatsapp e foi cando me decatei de que non tiña o teléfono. Decidín ir á Policía Nacional a denunciar. Eu entendo o dano, claro, pero teñen que entender que é un móbil roubado e que eu non fun esa persoa que subiu esas fotos. Eu non teño nada contra esa xente, que hai xente que nin coñezo".
De ser certo, sería unha vítima máis. Son os riscos da intelixencia artificial, unha realidade que ata agora vían case como ciencia ficción.
"Fixera un curso e xa non avisaran pero que podía pasar aqui? Non!".
"Non o pensas ata que che pasa. Cando vin as imaxes que vin, quedei flipando" .
"Non estamos nun debate sobre redes sociais si ou non. Estamos nun debate sobre a dignidade das persoas", alerta a alcaldesa da vila, Paula Fernández.
Hai unha investigación aberta, que non fixo máis que empezar. En xogo, a dignidade das persoas, das súas familias...
"No meu caso concreto teño unha nena pequena e sinto vergoña, vergoña allea tamén de que unha persoa que non nos coñece de nada se poña a facer esas cousas con intelixencia artificial".
Críticas tamén a quen lle deu pábulo.
"Tamén enfermo cos que o compartiron porque iso tamén tiña que ter algunha pena".
A última reforma penal e legal endurece as multas por crear contidos sexuais mediante intelixencia artificial. As deepfakes castíganse dende os 6.000 euros aos 35 millóns nos casos máis graves.