A Garda Civil investiga a suposta vertedura de xurro dunha granxa porcina en Abegondo
A asociación de veciños de Viós denunciou que a granxa bombeaba -supostamente- o xurro cara ás leiras lindeiras
O Seprona xa remitiu as dilixencias practicadas ao Xulgado de Betanzos
Paco é un dos propietarios das leiras lindeiras coa granxa de porcino de Viós. Conta que hai anos xa retirou da súa propiedade unha rede de tubaxes que conducían á explotación. Agora, cando rozou a parcela, volveu atopala.
"Atopei aquí un scalextric de tubos", explica. "Viñen limpar unhas leiras e vin moitos máis tubos dos que vira hai tres anos, daquela retiráraos pero, polo que se ve, volveu colocalos", di. Denuncia que -por eses tubos- a granxa desfacíase do xurro, bombeándoo cara as leiras dos veciños.
"Ten unhas bombas eléctricas nas fosas sépticas e bombea cara arriba. Para as leiras de abaixo, contra o río, xa cae o xurro polo seu propio peso", afirma Paco. "Levamos así máis de dez anos, pero antes non era tan brutal a vertedura porque había menos animais. Ultimamente isto é escandaloso", lamenta.
Calcula que hoxe a granxa pode ter máis de mil porcas reprodutoras e, a máis animais, máis xurro e máis molestias. "Os veciños están fartos de aturar os cheiros que hai, non poden nin poñer secar a roupa fóra porque hai que volver lavala" denuncia. Pero o que máis preocupa desas verteduras é que chegan ao regato e contaminan os terreos.
"Se secan ata as silvas, é porque isto non está ben" di Paco. "Tería que analizar o terreo a ver se está contaminado ou non, porque non sei o que vai tardar en volver producir. Se mañá quero sementar herba ou poñer unhas plantas, non sei se van secar tamén", engade.
Diante desta situación, a asociación de veciños de Viós decidiu presentar unha denuncia na Garda Civil. O Seprona ten a investigación aberta, e xa remitiu ao Xulgado de Betanzos as dilixencias practicadas.
Dende a explotación porcina de Viós explican que puxeron o caso en mans dos avogados, e declinaron facer máis declaracións.