A galega Numax gaña o Premio Librería Cultural 2026 polo seu compromiso e diversidade
O xurado destacou tamén a aposta pola lingua galega desta librería, situada en Santiago de Compostela e con once anos de traxectoria, a súa programación cultural interdisciplinar e o seu modelo cooperativo
A librería galega Numax obtivo o Premio Librería Cultural 2026, outorgado pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Librerías (Cegal), co apoio do Ministerio de Cultura, por "o seu compromiso cultural" e a súa "diversidade bibliográfica".
O xurado destacou tamén a aposta pola lingua galega desta librería, situada en Santiago de Compostela e con once anos de traxectoria, a súa programación cultural interdisciplinar e o seu modelo cooperativo "que suma e que ten un compromiso real coa cultura galega, que non se trata simplemente de organizar actividades culturais senón realmente de vertebrar identidade e territorio”.
Cunha superficie comercial de 45 metros cadrados, a librería Numax é un establecemento cultural singular que comparte un espazo total de 160 metros cadrados co cine do mesmo nome, co que vinculan o seu fondo, programando en conxunto. Foi elixida entre un total de 39 candidatas.
As libreiras Mariña de Toro, María Villamarín e Olaia Tubío destacaron que o premio supón un alento ante un futuro incerto, "un pequeno empuxón para seguir enfrontando as dificultades intrínsecas dun sector tan vulnerable".
Dotado con 6.000 euros, o Premio Librería Cultural entrégase desde 1999 para recoñecer o traballo daquelas librerías que se caracterizan por realizar unha tarefa continua de dinamización cultural e de difusión do libro e da lectura.