A fraude dos camións consistía en alugalos, non pagar as cotas e tampouco devolvelos
Detrás, dúas construtoras, unha de Vigo e outra de Barcelona, dun pontevedrés, que tiraban de homes de palla e empresas pantalla
Tíñano todo ben argallado.
"Montaron unha trama societaria coa única intención de adquirir contratos de alugueiro financeiro que implicaba o impago das cotas, e cando lle eran requeridos, non entregaban eses vehículos", explica o tenente xefe Marcos Lago, do grupo de Patrimonio da Garda Civil de Pontevedra.
Aproveitábanse da súa credibilidade empresarial, do éxito de dúas construtoras que gañaban concursos públicos, da Administración. Unha de Vigo, a outra con sede en Barcelona, dun pontevedrés. E con eses camións de balde seguían traballando.
"Non falamos dun simple incumprimento de contrato. Falamos de pluralidade de estafas, de adquisicións de vehículos, de contas bancarias asociadas a empresas pantalla, empresas que carecen de estrutura empresarial e de actividade económica real", denuncia o xefe de Patrimonio.
Todo, todo, todo era falso. Os nomes das empresas non figuraban nos contratos. Tampouco o dos empresarios.
"Usaban homes de palla como administradores das empresas pantalla. Usaban datos falsos, falsificaban firmas que non correspondían cos titulares reais", engade o tenente xefe.
Localizaron o primeiro camión nun control de tráfico rutineiro en Sanxenxo. Despois, outro en Tui.
"Dous vehículos que tiñan orde de recuperación por impago de cuotas", sinala Marcos Lago.
Era só a punta do iceberg. En total, quince camións, catro furgonetas e tres turismos. Unha frota de máis dun millón e medio de euros.
Detiveron os dous empresarios. No caso de Vigo, poderiamos dicir que exempresario porque a firma quebrou, con rúas e estradas que quedaron a medias. Tamén podía formar parte do plan.
Varias administracións preparan xa as súas demandas por contratos que roldan os cinco millóns de euros.
Non se descarta que esta trama teña relación coa ruína doutros negocios frigoríficos da provincia.
"É un dos nosos indicios. Cando se utilizan unhas empresas que xa foron obxecto de investigación, co mesmo modus operandi, e un elemento que temos en conta", recoñece o xefe da Unidade orgánica de Patrimonio da Garda Civil.
De momento, os dous construtores están acusados de estafa, apropiación indebida e falsidade documental, pero queda investigación por diante.