A fraude de coches en liña cobra a primeira vítima en Ourense
A empresa Audi acaba de lanzar unha advertencia de fraude en páxinas web que imitan a marca, pero venden coches que non existen
O afectado adiantou dez mil euros que non se sabe onde foron parar
Son páxinas web que imitan as oficiais, con duplicados das fotos dos coches, dos concesionarios e ata do persoal da empresa, pero son falsas e os cartos alí depositados desaparecen. Pasoulle a un cliente de Ourense que adiantou dez mil euros como sinal.
Jorge Álvarez, avogado de Lex Auria: "Fixo a transferencia hai aproximadamente mes e medio, e o vehículo non aparece. De feito, intenta contactar co número de teléfono e co correo que lle facilitaron, con apariencia de Audi, e non lle contestan".
Audi acaba de alertar da fraude para que as potenciais vítimas adopten medidas de verificación. "Aínda que as páxinas está moi elaboradas, hai mecanismos de verificación: teléfonos oficiais das marcas, provedores oficiais e mesmo ir a un concesionario oficial se vemos algo que non nos cadra", recomenda Jorge Álvarez.
Desde a organización de consumidores apelan tamén á precaución. Recomendan acudir aos rexistros oficiais antes de confirmar a compra.
José Carlos Cutiño, voceiro da OCU: "Que se busque non só a titularidade senón tamén o histórico administrativo e mesmo o historial de accidentes, porque hai numerosos rexistros para acceder a esta información antes de facer algún desembolso".
No caso de Ourense, o afectado presentou unha querela para tratar de chegar a quen está detrás da fraude.