A familia pide xustiza para a menor agredida hai un ano no Carballiño
Un ano despois do suceso, segue recuperándose das lesións
O agresor confeso ingresou nun centro de menores por non ser imputable
365 días despois do día que cambiou as nosas vidas. Así arrinca a reflexión coa que a irmá da vítima recorda o tráxico suceso. Un ano, di, de terapias, depresións e hospitais en que a familia tivo que abandonar O Carballiño, asegura, polo medo e a indiferenza. Nuria pasou 10 días en coma, máis de dous meses hospitalizada. Un ano despois, aínda ten operacións pendentes.
Marina Gómez, amiga e voceira da familia: "Precisa coidados, que unha persoa estea con ela... Pero non imos dicir que está mal porque, de non contar con ela, non ter ningún tipo de esperanza, a poder rir con ela...".
Continúan pedindo apoios para unha reforma da lei do menor. O agresor confeso, que tiña 13 anos cando golpeou a Nuria cunha pata de cabra, segundo el mesmo dixo, para experimentar o que se sente ao matar a alguén, non é imputable. Ingresou nun centro de menores, baixo tutela da Xunta.
"A lei debería cambiar. Non toda, pero en casos moi extremos", di Marina.
Todo ocorreu hai exactamente un ano, na noitiña dun xoves 9 de setembro.
Francisco Valeiras, xefe da Policía Local do Carballiño: "O rapaz chamou ao 112, contando unha versión fabulada dunha persoa moribunda, que hoxe se está recuperando, pero que, naquel momento, era unha persoa moribunda".
Na rúa onde ocorreron os feitos, os veciños seguen impactados.
"Dáche medo: dous rapaces, familias amigas... é impactante". "O importante é que a rapaza se vaia recuperando, pero foi impactante". "Un trauma moi grande", comentan os veciños da zona.
Un suceso difícil de asimilar nunha vila, din, onde todos se coñecen.