Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zonas boscosas con máis humidade e friaxe, o hábitat dos neandertais en Galicia

Zonas boscosas con máis humidade e friaxe, o hábitat dos neandertais en Galicia

Un estudo da USC e da UVigo investigou os restos da fauna da cova Eirós, en Triacastela

Puideron extraer conclusións sobre o estilo de vida dos últimos neandertais e o clima de hai 41.000 anos

G24.gal 11/05/2025 14:20 Última actualización 11/05/2025 14:51

O xacemento da cova Eirós, xoia da prehistoria de Galicia, segue descubríndonos o noso pasado máis afastado. Á par das primeiras evidencias da arte rupestre paleolítica, un novo estudo da fauna de hai corenta e un mil anos permite coñecer o clima e o medio natural onde vivían os neandertais: con máis friaxe e tan chuvioso coma agora. 

A cova Eirós é o xacemento que mellor nos permite coñecer o Paleolítico de Galicia. Desde 2008 este Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste escava na cova para investigar a época dos últimos neandertais que ocuparon o noroeste peninsular.

"Como fixemos? Estudando restos de fauna, tanto grandes mamíferos como cervos, rinocerontes laúdos, hienas, leopardos... como microfauna: roedores, serpes, etcétera...", asegura Hugo Bal García, membro do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Peninsular da USC.

Como moitas destas especies seguen existindo puideron analizar que condicións lles permitiron manterse no seu hábitat e que mudanzas houbo ao longo do tempo.

"Xogando un pouco coa estatística podemos chegar a conclusións de que porcentaxe de masa boscosa tiña que haber para soportar este conxunto fáunico e que temperaturas podían aguantar os roedores que son moi sensibles ás oscilacións climáticas. Con todo iso podemos reconstruír un medio que era principalmente boscoso, intercalado con moitas praderías e tamén que había unhas temperaturas bastante máis frías que as actuais, unha perda de tres graos. As precipitacións non diminuíron tanto e permitiron ese mantemento da masa boscosa. O que estamos vendo na Cova Eirós e tamén no resto de xacementos do norte peninsular de cronoloxías tardías é que non están nas zonas máis frías e máis áridas, senón que están buscando zonas onde se manteñen masas boscosas e hai fauna máis rica", explica o investigador.

O estudo do xacemento continúa noutros niveis e tamén desde outras disciplinas, como a vexetal, que irán definindo cada vez máis a vida e o territorio antes da chegada dos humanos modernos, hai 41.000 anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade