Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece José Antonio Redondo, exconselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Falece José Antonio Redondo, exconselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

José Antonio Redondo faleceu este sábado aos 74 anos

Tamén foi director do Instituto Galego de Vivenda e Solo entre 1995 e 2005

A súa vocación era a docencia; era catedrático de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago de Compostela

José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia 2015-2023. Arquivo TVG José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia 2015-2023. Arquivo TVG
G24.gal 28/06/2025 20:12

José Antonio Redondo López, naceu en Lugo en 1951 e morreu este sábado pola mañá en Santiago de Compostela, onde residía e na que desenvolveu toda a vida a súa traxectoria profesional. Primeiro como profesor e posteriormente como catedrático de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago (USC). El sempre dixo que a súa vocación era a docencia. Explicaba que a poliomelite que padeceu cando tiña sete anos o convertera nunha "persoa máis estudosa, reflexiva e tímida".

José Antonio Redondo desempeñou os cargos de conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia entre os anos 2015 e 2023 e o de director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo entre 1995 e 2005.

Durante a súa etapa no Consello de Contas impulsou medidas para mellorar a fiscalización das Administracións públicas galegas e a loita contra a corrupción. Durante a súa estadía no IGVS promoveuse a vivenda pública e déuselle un pulo á rehabilitación.

Redondo tamén foi membro do Consello do Instituto Galego de Promoción Económica, membro do Consello de Administración de Xestur Coruña e Xestur Lugo, membro do Consello para a Promoción da Igualdade do Home e da Muller de Galicia, membro do Consello de Estatística de Galicia, ademais de membro da Fundación Catedral de Santiago de Compostela.

Na Universidade de Santiago, onde foi docente, tamén foi vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e director constituínte do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade.

Como investigador, foi autor de numerosos estudos, monografías e guías de referencia nos seus ámbitos de estudo e na Real Academia desenvolveu un intenso labor impulsando o papel da institución en toda España e no ámbito internacional.

No ano 2024 recibiu unha homenaxe no salón nobre do Pazo de Fonseca pola súa prolongada traxectoria traballando a prol do servizo público.

Académico da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras

A Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras (RACEF) lamentou, nun comunicado, a perda do seu académico de número e presidente da Sección Económico-contable e Financeira.

José Antonio Redondo ingresou na Real Academia en 2008 co discurso 'O ámbito financeiro das políticas públicas de vivenda: a necesaria converxencia en Europa'.

Era catedrático emérito de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago de Compostela e conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia entre 2015 e 2023.

"Redondo deixa un amplo legado académico e de xestión pública, como a lei de prevención da corrupción que impulsou en Galicia", detallou a RACEF.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade