A familia de Déborah Fernández di que sente impotencia horas antes de que prescriba o caso
Mañá, 30 de abril, fai 20 anos do crime e prescribe o caso
A prescrición será parcial porque o exmozo xa figura como investigado
Esta está sendo unha semana decisiva no caso Déborah. Mañá fai 20 anos da desaparición en Vigo de Déborah Fernandez-Cervera, unha estudante de deseño que o 30 de abril do ano 2002 saíu a correr por Alcabre, como facía habitualmente, e posteriormente apareceu morta.
Rosa Fernández, irmá de Déborah, di que a familia vai seguir loitando pero con mágoa recoñece: "Se agora aparecese un posible colaborador ou calquera persoa que estivese implicada na morte de Déborah, a excepción da principal hipótese que hai hoxe enriba da mesa, que é a da súa exparella, o crime quedaría prescrito".
As esperanzas estaban postas nas mostras de ADN, pero ao final non achegaron máis pistas. A irmá de Déborah lamenta que no comunicado oficial emitido co resultado das mostras parecese que se exculpaba o exmozo, e investigado, cando en realidade, di Rosa Fernández, o que fai é "exculpar a outra testemuña que xa estivera investigada pola policía", porque parecía que, inicialmente, o seu ADN tiña partes coincidentes coa mostra.
"Nós e o equipo de avogados pedimos unha ampliación dese ADN para cotexar e a realidade é que cando se fixo a ampliación e se cotexou, quedou totalmente descartado que esta persoa estivese involucrada".
A irmá de Déborah reitera que seguirán traballando en busca da vedade. "Esta mesma semana foron declarar dúas persoas que corroboran que seguían tendo relación, e seguiremos desacreditando todas as mentiras que dixo no xulgado".
A familia de Déborah pensa que a "neglixente instrución de todos estes anos é a culpable de que a día de hoxe non teñamos respostas". "Nós o que queremos é que calquera que estivese involucrado pague por iso, e a realidade é que a xustiza ten moitos límites", engade Rosa Fernández, que non entenden como pode prescribir un caso coma este.
Casos que non prescriben no Código Penal español
O Código Penal español prevé que, agás os de xenocidio ou lesa humanidade, todos os delitos teñen un prazo de prescrición e función do tipo penal correspondente.
"Tiñamos clarísimo que nesa escenografía non ía aparecer unha mostra biolóxica que apuntase cara ao principal sospeitoso", di a irmá
Unha vez que ao final o informe do ADN non se vai incorporar a esta causa, a familia ten as esperanzas postas na análise do disco duro do ordenador. Sobre el Rosa Fernández di que xa hai "un informe previo presentado no xulgado e agora estamos pendentes do informe definitivo, xa que a xuíza lle deu tempo aos técnicos para analizar o ordenador con calma".
A defensa do exmozo de Déborah considera que a súa investigación tamén debería prescribir, pero a irmá de Déborah insiste en que a do que consideran "o principal sospeitoso" é "outra vía de investigación". Consideran que a escena no crime "está totalmente manipulada" e que as mostras de "ADN non coinciden coas súas".
"Tiñamos clarísimo que nesa escenografía non ía aparecer unha mostra biolóxica que apuntase cara ao principal sospeitoso".