Prisión provisional para o detido polo homicidio dun home en Mesía
O arrestado, de 35 anos, está acusado de matar cun disparo un veciño de 44
A Garda Civil investiga tamén un posible caso de tráfico de armas
Un xulgado de Ordes decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para un home de 35 anos acusado de matar dun disparo a outro de 44 o pasado domingo no municipio coruñés de Mesía.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o detido foi arrestado este mércores e está investigado por un delito de homicidio.
Os feitos tiveron lugar o 10 de agosto, arredor das 17:10 horas, nunha vivenda do lugar de Visantoña. Os servizos sanitarios desprazáronse ao punto, mais só puideron certificar a morte da vítima, que estaba acompañada polo propietario da casa, amigo seu.
A Garda Civil localizou unha pistola preto do corpo e un revólver que o detido tentou agochar nun camiño próximo. As dúas armas foron enviadas ao Departamento de Balística do Laboratorio de Criminalística da Garda Civil de Galicia para a súa análise.
Operativo paralelo contra o tráfico de armas
En paralelo, axentes do corpo desenvolvían en Ordes unha investigación por tráfico de armas que incluíu cinco rexistros domiciliarios, nos que aparecía vinculado o falecido. Nesa operación incautáronse dun arsenal que incluía unha pistola de aire comprimido, un revólver despezado, un rifle calibre 22, dúas pistolas, unha pistola detonadora, tres canóns de arma longa e 196 cartuchos de diversos calibres.
A investigación sobre a orixe e uso destas armas continúa aberta.