A exdoutora Noelia de Mingo acepta 33 anos de internamento nun centro psiquiátrico-penitenciario
Acoitelou dúas mulleres nun supermercado de Madrid en 2021, non sendo o seu primeiro asasinato
A exdoutora Noelia de Mingo chegou a un acordo previo ao xuízo coa Fiscalía e as acusacións particulares polo que pasará 33 anos de internamento nun psiquiátrico penitenciario por acoitelar dúas mulleres nun supermercado de Madrid, en setembro de 2021.
De Mingo, que padece esquizofrenia paranoide, xa fora xulgada hai 20 anos por matar a coiteladas tres persoas na Fundación Fernández Díaz.
Naquela ocasión, Noelia de Mingo quedara absolta de tres delitos de asasinato e outros catro en grao de tentativa pola patoloxía mental que sofre, pero o tribunal impúxolle 25 anos de internamento nun centro psiquiátrico.
Agora ía sentar de novo no banco dos acusados por intentar matar a coiteladas, hai dous anos, a propietaria e a caixeira dun supermercado na localidade madrileña do Molar. Pero antes do xuízo, De Mingo chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía e as acusacións particulares polo que recoñece os feitos e acepta unha condena de 33 anos por dúas tentativas de asasinato e un delito de atentado contra axente da autoridade.
A exdoutora cumprirá a pena nun centro psiquiátrico-penitenciario. O acordo aprecia unha eximente completa por anomalía psíquica e o pagamento ás vítimas dunha indemnización de 160.000 euros en total.