A estación intermodal de Santiago xa leva o nome de Daniel Castelao
Está previsto que a pasarela entre as terminais de tren e bus se inaugure a próxima semana
O novo aparcadoiro en altura executarase nos vindeiros meses

A estación intermodal de Santiago de Compostela xa exhibe desde este mércores o nome de Daniel Castelao na entrada da súa pasarela, coa previsión de que se inaugure oficialmente nos vindeiros días, previsiblemente a próxima semana.
Fontes consultadas confirman que haberá un acto de inauguración da conexión entre as terminais de tren e autobús, unha infraestrutura executada polo Estado a través do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).
Conexión lista antes de xullo
A pasarela que une ambas terminais remata así un proceso con varias datas adiadas. Finalmente, estará operativa antes do inicio de xullo.
O seguinte paso será a execución, por parte do ADIF, do novo aparcadoiro en altura da terminal, prevista para os vindeiros meses.
O nome de Daniel Castelao foi escollido por acordo unánime do pleno municipal de Santiago no ano 2019.