A emigración separou as xemelgas Delfina e Isolina ao pouco de nacer
Unha foi a Bos Aires, a outra quedou en Ribadumia
O libro 'Isolina e Delfina, exemplo de resiliencia' conta a súa historia
Foron dúas vidas separadas polo Atlántico. Isolina e Delfina quedaron orfas aos dous anos e a necesidade obrigou a separalas. Isolina quedou en Ribadumia e Delfina embarcou a Bos Aires para non regresar ata dúas décadas despois.
"Tiñamos contacto por carta, enviabamos fotos para ver como creciamos, a comuñón, a voda..., sempre soubemos que tiñamos unha irmá, pero... lonxe", di Delfina.
Unha na aldea, a outra na gran cidade. Levaron vidas paralelas, pero moi diferentes. Ata que pola lúa de mel Delfina puido regresar a Galicia e coñecer por fin a súa outra metade.
"O reencontro foi máxico, quedamos sen palabras", di Isolina.
"Non sabiamos como eramos, máis aló das fotos. Pensamos que ía ser difícil, non saber que dicir, de que falar..., pero ao final todo foi moi bonito e desde entón...", engade Delfina.
Na familia sempre pensaron que esta historia tiña que ser contada. Foi na pandemia cando a filla de Delfina e o marido de Isolina tiveran o tempo suficiente para plasmala nun libro.
"A emigración daquela era moi dura, marchaban e moitos non volvían nunca a ver a familia. Por iso nos pareceu que esta historia había que contala, sobre todo para que a coñeceran os nosos descendentes", explica José Manuel Abal, marido de Isolina e coautor do libro.
"Toda a familia certificamos que malia que tiveron educacións e vidas moi diferentes, elas parécense moito na maneira de ser, nos xestos e tamén no sorriso", di Mariazel Molinaro, filla de Delfina e coautora do libro.
Vidas de novela, agridoces, pero cun final feliz e un sorprendente xiro de guión. O da filla de Delfina que emprende o camiño contrario de súa nai.
"Eu vivín na Arxentina ata os 30 anos e decidín establecerme en Santiago co meu marido arxentino e ter o meu fillo aquí. A historia repítese, pero de volta", comenta Mariazel.
Péchase así a historia dunhas irmás que nin o tempo nin a distancia logrou separar, a galega e a gashega, que poden volver posar da man como naquela vella foto.