Publicador de contidos
Publicador de contidos

A desinsectización e os repelentes para combater a enfermidade hemorráxica nas explotacións

A desinsectización e os repelentes para combater a enfermidade hemorráxica nas explotacións

Nas últimas semanas a propagación do virus aumentou coas altas temperaturas

Os veterinarios insisten en que é fundamental poñer medidas para que o mosquito non aniñe nas cortes coa baixada da temperatura

G24.gal 08/09/2024 14:40

Esta semana a Xunta declarou tres novos focos da enfermidade hemorráxia epizoótica en explotacións gandeiras de Ourense e Lugo. A incidencia do virus da EHE transmititido exclusivamente pola picadura dun mosquito aumentou desde hai unhas tres semanas.

Acudimos a unha granxa do Deza afectada, onde unha vaca faleceu a causa do virus e entre o resto algunha presentou síntomas pero están xa en fase de recuperación.

"A miña experiencia foi que ao principio había algunha vaca máis parada, e démonos conta xa cando houbo un caso grave e o animal faleceu. Agora puntualmente aparece algunha máis delicada. Tratámolas con antiinflamatorios e van indo. O que pasa é que baixada de produción do leite é grande", relata José Ojea, o gandeiro propietario da explotación.

"Empezáronse a ver vacas xa con sintomatoloxía clara pero en moitas explotacións o gandeiro relatábache que lles pasaba algo aos animais pero non sabía que. Moitas presentaban edema nos ollos, secreción de lágrimas, inflamación na lingua e cando xa teñen lesións nela e na farínxe os animais son moi difíciles de curar. Si que é certo que aquí no Deza tivemos varios así", explica Gloria Martínez, coordinadora dos servizos veterinarios da ADS Xundeva no Deza. 

Unha vez infectados os animais reciben tratamento clínico e en función da resposta  poden saír adiante. Os veterinarios insisten na necesidade de aplicar medidas preventivas para evitar o mosquito nas cortes, que coa baixada de temperaturas podería refuxiarse aí.

"Esta explotación é moi limpa, que é como teñen que estar para que os produtos desinsectizantes fagan efecto. Hai que ter en conta que dentro das explotacións a temperatura é superior á exterior. Entón agora o que hai que evitar é que os mosquitos aniñen dentro e hai que seguir empregando repelente ata que baixe a temperatura tamén dentro das cortes", explica Gloria Martínez

En Galicia, neste período estacional hai 756 explotacións onde se rexistraron casos e 1.698 animais positivos confirmados, fundamentalmente nas provincias de Lugo e Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar