Publicador de contidos
Publicador de contidos

A defensa de Talgo: unha aposta pola soberanía tecnolóxica e empresarial, por María Cadaval

OPINIÓN

A defensa de Talgo: unha aposta pola soberanía tecnolóxica e empresarial, por María Cadaval

G24.gal 16/04/2024 08:05

No complexo xogo das adquisicións empresariais, a recente oferta pública de adquisición (OPA) lanzada polo grupo húngaro Ganz-Mavag (Magyar Vagón) sobre a española Talgo espertou preocupación e debate nos círculos políticos e económicos españois. A empresa húngara fixo entrega onte, luns, 15 de abril, á Comisión Nacional do Mercado de Valores do aval bancario que precisa para lanzar a OPA sobre Talgo, por importe de 620 millóns de euros, o que abriu o debate sobre a necesidade de protexer os intereses estratéxicos de España.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable Óscar Puente declarou que Talgo “é unha empresa estratéxica que hai que protexer”, polo que se comprometeu a auspiciar dende o Goberno unha alternativa española para Talgo. En caso contrario, afirmou, produciríase un “problema xeopolítico”, pois a súa tecnoloxía, que incluso afecta á mobilidade militar doutros países como os bálticos, podería complicar as relacións cun país sobre o que se debuxan nexos rusos e conexións coa “extrema dereita”. A tecnoloxía de eixo desprazable de Talgo non é só un activo valioso para a empresa, senón que ten importantes implicacións para a mobilidade militar. Por se isto fora pouco, ponse en dúbida a capacidade tecnolóxica da húngara para axudar a mellorar a capacidade de produción de Talgo. A tecnoloxía e o know-how da compañía española son activos valiosos que requiren capacidade de produción e experiencia específica que a húngara non ten.

Que permite ao Goberno pronunciarse sobre esta operación?

O real decreto 571/2023 tamén coñecido como o “escudo antiopas”, en vigor até finais de ano, permite ao Goberno, a través do consello de Ministros, vetar esta operación. Talgo, como empresa estratéxica, ten que contar coa autorización do Goberno para que os húngaros poidan tomar o control da compañía.

A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) debe agardar a que o Executivo dea luz verde ao ofertante para aprobar o folleto informativo da OPA. Sen esta autorización non se poderá realizar a operación.

De momento, non parece que o outro fabricante nacional, CAF, estea interesado en facerse con Talgo, mais podería ocorrer que si que o estean a francesa Alstrom ou a suíza Stadler, cunha alta presenza industrial en España e moitos anos de experiencia. Como último recurso, pódese pensar en que a SEPI, que xa demostrou que ten capacidade para actuar en condicións similares, como a que se acaba de producir en Telefónica, podería ser un actor importante neste proceso.

En definitiva, o marco regulador actual brinda ao goberno a capacidade de vetar a OPA de Ganz-Mavag se considera que vai en contra dos intereses nacionais. Quedou de relevo polas declaracións do Ministro que a cuestión non é meramente económica senón que é cuestión de soberanía e autonomía tecnolóxica, mesmo xeopolítica. A tecnoloxía de Talgo e o seu papel na industria ferroviaria europea fan desta empresa un activo estratéxico que cómpre protexer.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade