Falece un home ao ser alcanzado por un tren na Rúa
O accidente produciuse contra as 07:30
En Vilagarcía de Arousa unha saída de vía deixa tres persoas feridas

Un home perdeu a vida ao ser alcanzado por un tren na Rúa. Ocorreu arredor das 07:30, cando o persoal de ADIF contactou co 112 Galicia para informar de que un tren acababa de atropelar unha persoa á altura do quilómetro 50 da OU-533. Os equipos de emerxencia desprazados só puideron confirmar o pasamento da persoa.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Valdeorras, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.
Á consecuencia do suceso, interrompeuse a circulación ferroviaria entre A Rúa-Petín e Montefurado mentres os efectivos traballan na zona.
Tres persoas quedaron feridas tras unha saída de vía en Vilagarcía de Arousa
O accidente tivo lugar o xoves á noite na PO-548, entre os quilómetros 13 e 14, ao seu paso pola parroquia de Bamio.
O 112 Galicia recibiu a chamada dun particular, que alertaba de que un vehículo saíra da vía e caera á cuneta. Indicaba, ademais, que no interior viaxaban tres ocupantes que precisaban asistencia sanitaria.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse do ocorrido ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía de Arousa, á Garda Civil de Tráfico e á Protección Civil.
Finalmente, as tres persoas feridas foron trasladadas ao Hospital do Salnés polos servizos sanitarios.