A covid repunta no verán: circula malia a calor e ten menos competencia doutros virus
O Sergas notifica 1035 casos activos, 153 hospitalizados e 1 na UCI
Multiplícanse as vendas de test de antíxenos nas farmacias
Non é unha percepción persoal. De feito este é o terceiro verán que vemos como as infeccións de covid medran entre xuño e agosto. E iso ten a súa explicación.
"A primeira razón é a non circulación do virus sincitial respiratorio e da gripe, porque eles compiten entre si. A segunda razón é a alta capacidade que ten o coronavirus para circular con temperaturas elevadas", explica Cristina Fernández Pérez, xefa de Medicina Preventiva da Área Sanitaria Santiago-O Barbanza.
Motivos que, unidos a unha maior socialización nas vacacións, se traducen nunha maior circulación do virus. Iso si, a maioría dos casos non revisten gravidade.
"Adoitan presentar cadros leves. Non se identificou a nivel mundial que estas variantes produzan enfermidade grave. Asócianse a dor de gorxa, secreción nasal e malestar xeral", engade a doutora.
Síntomas que nos levan ás farmacias, onde se multiplicaron as vendas de tests de antíxenos.
"Tranquilamente podemos dicir que as vendas se multiplicaron por dous", comenta Ignacio Labella, farmacéutico da Farmacia Labella en Santiago.
Tamén se venden máis máscaras, pero, ollo, non na mesma proporción.
"Pode ser porque fagan o test e non dean positivo. Tamén hai quen dá pero como está de vacacións decide illarse na casa sen contaxiar", explica o farmacéutico.
E se o fan por descoido, mellor recorden poñela, sobre todo por protexer os máis vulnerables. Arestora hai 1.000 pacientes coa infección activa en Galicia e 153 están hospitalizados.