A Coruña, Cambre, Oleiros, Arteixo e Culleredo avanzan nun servizo metropolitano de taxi
Taxistas e os concellos, favorables a perfilar os detalles da posible área compartida de taxis
O servizo de transporte de taxi común entre os cinco concellos debe ratificalo a Xunta
A área compartida implicaría modificar e unificar tarifas entre os cinco concellos
Os concello da Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo e Cambre avanzan na posible creación dunha área conxunta supramunicipal de taxis. Cos profesionais do taxi, están perfilando os detalles de como podería ser o servizo compartido, que nace coa idea de que calquera usuario podería coller un taxi independentemente do concello no que estea, sempre que sexa un deses cinco.
Coller un taxi sen importar o concello no que esteamos ou ao que pertenza a licenza. Sempre que sexa nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo ou Oleiros. Eses cinco concellos están planeando e valorando crear a que sería unha área de prestación conxunta metropolitana de taxis. A idea está sobre a mesa e, de momento, concellos e profesionais do sector son favorables a que se materialice e ampliar o servizo para os clientes.
Se sae adiante, os taxis dos cinco concellos da Coruña terían que acordar unhas tarifas conxuntas. O tema está nese punto precisamente, no de matizar os detalles, que terían que ser ratificados pola Administración galega. Por lei, os taxis non poden recoller clientes fóra do concello onde pagan a licenza. Iso é o que queren cambiar.
Se se suman os taxis da Courña, Oleiros, Culleredo, Arteixo e Cambre, a frota dispoñible sería duns 600 coches, aumentaría nuns cen taxis o número actual, que poderían dar servizo conxunto a uns catrocentos mil habitantes.