Xulgan o suposto autor dunha vaga de atracos a taxistas en Vigo
O acusado afronta unha petición de condena de 5 anos de cadea
O suposto autor dunha vaga de atracos a taxistas en Vigo senta este xoves no banco dos acusados. Está acusado de 3 asaltos, navalla en man, e afronta 5 anos de cadea. Unha dos condutores chegou a sufrir lesións.
O mes de abril comezou unha vaga de roubos a taxistas en Vigo como non se lembraba dende os anos 80 ou 90. Navalla en man, un home de 44 anos atracou tres condutores, chegando a ferir unha deles. O acusado foi detido ás poucas semanas, e este xoves senta ante o xuíz.
"Para nos é interesante que saia a sentenza rápida para que haxa repercusión na rúa. Naquel intre decatámonos de que a policía e as forzas e corpos de seguridade do estado íano atopar rápido porque o modus operandi era sempre o mesmo, atracábate de día e a cara descuberta", di Emilio Mosquera, presidente da Unión de Taxistas Galegos UTAGA.
O colectivo de taxistas extremou dende entón as precaucións e confía plenamente no traballo da policía.
"Recomendamos sempre denunciar, a primeira compañeira denunciou moi rápido, iso que lle fixo unha ferida na cara, para nós a actuación da policía foi moi rápida", asegura Mosquera.
Foron tres roubos en oito días, e o home foi finalmente detido na allada tentando apañar combustible do depósito dun camión.
"Naquel intre asustámonos porque facía moito que non pasaba algo así en Vigo no sector do taxi. De feito, algún compañeiro púxose nervioso, pero a recomendación é a mesma, estar atentos por se a algún compañeiro lle pasa algo", Relata o tamén responsable dos taxistas da provincia.
A fiscalía pide para o acusado unha condena de 4 anos e 9 meses de cárcere, multa e indemnización á vítima. Está acusado dun delito de roubo con violencia con uso de instrumento perigoso e un delito leve de lesións.