A conserveira de Rianxo, pendente dos informes de danos para retomar a actividade
Este xoves os responsables da conserveira Miramar, en Rianxo, avaliaban os danos ocasionados na nave despois de que onte o lume estragara boa parte do tellado. Están pendentes dos informes técnicos para saber o alcance dos danos e por conseguinte cando poderían retomar a súa actividade.
Sen case movemento e co portal a medio pechar para ventilar. Esta mañá realizaban tarefas de limpeza e intentaban recoller o material que xa tiñan preparado para a súa distribución. Así se atopa, 24 horas, despois de que as lapas colapsaran o tellado da nave mentres estaban a traballar dentro 110 empregados da conserveira. O material diverso da cuberta fixo que as lapas se propagasen moi rápido.
"Debido ás características do mesmo, de placas de fibrocemento e doutros materiais diversos, e as súas propiedades pois o lume propagouse moi rápido. Foi unha tarefa de extinción complicada" explica Francisco Manuel Sampedro, sarxento do Parque de Bombeiros de Boiro.
Por sorte non hai que lamentar danos persoais, pois os empregados puideron saír sen sufrir danos unha vez que se decataron do lume. Pero si materiais que obrigan a paralizar a súa actividade. Desde a empresa, que declinaron falar ante a cámara, dinnos que non saben cando poderán retomala pero agardan que sexa na maior brevidade posible. Están pendentes dos informes técnicos e dos peritos e se as lapas causaron danos na estrutura.
Di o sarxento que "o fume é moi rechamante e as consecuencias que nun principio vai ter o lume parecen que van ser moi graves e logo son menores. Iso será estudado polos técnicos".
Polo de agora non se saben as causas do incendio así como tampouco a orixe do mesmo, pero todo apunta a que se produciu na zona central da nave, onde levan a cabo as tarefas de limpeza do peixe.