Publicador de contidos

Publicador de contidos

A conselleira de Emprego cre que a Semana Santa será unha boa proba para a reforma laboral

A conselleira de Emprego cre que a Semana Santa será unha boa proba para a reforma laboral

María Jesús Lorenzana dixo na Radio Galega que os datos do paro de marzo revelan que o mercado laboral galego ten máis resistencia que o español nesta crise

G24.gal 05/04/2022 10:58

A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, cre que o feito de que o paro baixara en Galicia no mes de marzo e subiran as afiliacións á Seguridade Social demostra "resistencia" e "un certo respiro".

"Ante as dificultades das últimas semanas, co paro nos transportes e a crise dos subministros, o mercado laboral galego demostrou máis resistencia que o nacional, como xa ocorrera na pandemia", asegurou a conselleira na Radio Galega. 

"As cifras do paro dan certo respiro no mercado laboral"

"En Galicia baixou o paro tanto na conta mensual como na interanual, é a terceira comunidade onde máis baixou. Ademais, descendeu nas catro provincias e en todos os sectores, fundamentalmente no colectivo das mulleres e dos menores de trinta anos. Estas cifras, dada a situación actual, dan certo respiro no mercado laboral", di Lorenzana.

Os datos do mercado laboral en marzo, que publicou onte o Ministerio de Traballo, revelan tamén un incremento importante da contratación indefinida, aumentou un 120 por cento no último ano, e a conselleira de Emprego entende que non obedece só á reforma laboral que se aprobou a finais de ano.

"En marzo aínda non era obrigatorio converter os temporais en indefinidos"

"A contratación indefinida sobe moitísimo pero era xa a tendencia no último trimestre de 2021. É unha excelente noticia pero a suba non se debe exclusivamente á reforma laboral porque en marzo aínda non era obrigatorio converter os contratos temporais en indefinidos", afirmou. "Eu non digo que non sexa un atractivo e que as empresas vaian modulando a contratación conforme a iso pero ata este mes de abril a reforma laboral non está totalmente en vigor".

Neste senso, a conselleira de Emprego entende que a Semana Santa será unha proba importante para os cambios que introduce a reforma laboral.

"Esperamos que a Semana Santa se comporte como é habitual e que suba o emprego en todos os sectores vinculados ó turismo. Para daquela xa estará en vigor a reforma laboral en canto á contratación e será unha boa proba para ver como se comporta no sector da hostalaría, como van adaptar os contratos a eses días de vacacións".

"É un momento complexo para unha suba salarial"

A conselleira de Emprego gaba o esforzo que están facendo moitas empresas para resistir ás adversidades e insta a "saber acompañalas". Neste senso María Jesús Lorenzana entende que non é momento de subir salarios.

"Hai que atopar o momento de facelo e sempre cun pacto entre empresarios e sindicatos. Eu estou dacordo con subir salarios pero hai que buscar un momento de equilibrio, agora mesmo as empresas están asfixiadas coas subas e os cambios da reforma laboral e é un momento complexo para unha suba salarial".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade