A concesionaria do transporte urbano de Ourense non se reunirá este venres cos traballadores
Non irá á xuntanza co comité de empresa polas "sabotaxes sufridas na súa frota de vehículos
O alcalde de Ourense agride unha sindicalista no primeiro día da folga do transporte urbano
Concentración contra o alcalde de Ourense polo seu comportamento durante a folga

Para este venres estaba convocada unha reunión entre a concesionaria de Urbanos de Ourense e os representantes dos traballadores.
Nun comunicado remitido aos medios, a empresa Avanza dixo que non iría e denunciou "roturas de cristais, picadas de pneumáticos, rotura de manguitos e manipulación de matrículas", feitos que provocaron a "inutilización" de varios vehículos, algo que, segundo Avanza, “atenta directamente contra o dereito á mobilidade” da cidadanía.
"Non se dan as condicións” para reunirse mentres continúen os “graves ataques” contra os vehículos, dixo a concesionaria.
Avanza dille ademais ao comité de empresa que “abandone a violencia” e se comprometa a resolver este conflito.
Polo momento, as dúas partes están emprazadas “a partir da semana que vén” á mediación por parte da Xunta de Galicia, coa participación de mediadores profesionais a fin de buscar unha solución que poña fin á folga.
Pola súa banda, o comité de empresa cuestionou “as tácticas dilatorias” utilizadas polo Grupo Avanza despois de “máis de 30 meses de negociación”.
CCOO denuncia “aprazamentos reiterados de reunións, desculpas varias, atrasos sistemáticos. A última ante o AGA coa esixencia de retirada da folga para sentar a negociar e agora unha nova desconvocatoria unilateral da reunión prevista para o venres 6 de maio, que ao noso xuízo xa era tardía”.
A CIG reprochou a “nula vontade negociadora” da empresa tras cuestionar as súas continuas “escusas” para non sentar a negociar “contra a precarización laboral e por un convenio digno”.
Doutra banda, denunciou que algúns vehículos teñen máis “dúas décadas de antigüidade” e presentan “deficiencias desde hai anos” e que algún circulaba a pesar de ter a ITV caducada.