A Comisión Europea multa a Apple con 500 millóns de euros e a Meta, con 200
"As decisións de hoxe transmiten unha mensaxe contundente e clara", dixo a vicepresidenta para a Teresa Ribera, e é que a lei "protexe os consumidores europeos e establece igualdade de condicións"
Apple e Meta teñen agora 60 días para cumprir coas esixencias da Comisión ou, pola contra, enfrontaranse a multas diarias

A Comisión Europea multou este mércores a Apple con 500 millóns de euros por prácticas monopolísticas na súa tenda de aplicacións móbiles e a Meta, con 200 millóns de euros, pola súa antiga obrigación aos usuarios para pagar unha subscrición para evitar publicidade personalizada.
As sancións, que se adoptaron coincidindo coa negociación da Comisión Europea co Goberno estadounidense para buscar unha saída á guerra arancelaria, son as primeiras baixo a lei de mercados dixitais (DMA), a nova norma da Unión Europea para regular o poder de mercado das grandes plataformas de Internet.
As multas están lonxe da sanción máxima do 10 % da facturación global que permite a DMA polo "curto período" que transcorreu desde que abriu a investigación a Apple o 24 de xuño de 2024 e a Meta, o 1 de xullo dese mesmo ano, dixeron fontes comunitarias.
"As decisións de hoxe transmiten unha mensaxe contundente e clara", dixo a vicepresidenta para a Transición Limpa e responsable da política de competencia da Comisión, Teresa Ribera, e é que a lei "protexe os consumidores europeos e establece igualdade de condicións".
E engadiu: "Apple e Meta non cumpriron coa DMA ao implementar medidas que reforzan a dependencia dos usuarios empresariais e os consumidores das súas plataformas".
"En consecuencia, tomamos medidas de cumprimento firmes pero equilibradas contra ambas as empresas, baseadas en normas claras e predicibles", afirmou.
Apple
Baixo a DMA, Apple debe permitir aos desenvolvedores de aplicacións móbiles a informar gratuitamente os seus clientes de ofertas á marxe da App Store, pero Bruxelas concluíu que a compañía aplica restricións técnicas e comerciais que impiden tanto á competencia como aos usuarios beneficiarse de alternativas máis baratas.
Segundo dixo a Comisión Europea nun comunicado, Apple non puido demostrar que estas restricións son "obxectivamente necesarias" e obrígao, ademais, a retiralas.
O Executivo comunitario advertiu así mesmo a Apple de que se enfronta a outra futura multa polas dificultades que impón á competencia para que os usuarios do iPhone e o iPad utilicen alternativas a App Store, como a taxa dos 0,5 euros que obriga a pagar aos desenvolvedores doutras tendas de aplicacións móbiles.
Por contra, Bruxelas observou que Apple xa permite aos usuarios do iPhone instalar navegadores alternativos a Safari e Apple, e facilitoulles o cambio na configuración predeterminada de chamadas, filtrado de chamadas, mensaxería, teclados, administradores de contrasinais e servizos de tradución, polo que pechou outra das investigacións que abriu contra a empresa en marzo do ano pasado.
Meta
Respecto a Meta, o Executivo comunitario considerou que a subscrición que obrigou a pagar aos usuarios de Facebook e Instagram para evitar publicidade personalizada é contraria á DMA, porque lles impediu elixir libremente un modelo que non utilizase os seus datos similar ao sistema de pago.
Meta introduciu o sistema "consentir ou pagar" en novembro de 2023 e estivo en vigor ata novembro de 2024, cando creou unha nova versión do modelo gratuíto de anuncio personalizados que Bruxelas está a analizar.
A sanción, polo tanto, aplicouse mentres o modelo estivo en vigor desde marzo de 2024, cando a DMA entrou en vigor, ata novembro dese mesmo a ano.
Á marxe da multa, a Comisión considerou que o mercado en liña de Facebook, Facebook Marketplace, xa non debe considerarse como unha gran plataforma de Internet, ao ter menos de 10.000 usuarios empresariais ao mes, o requisito que establece a normativa.
Apple e Meta teñen agora 60 días para cumprir coas esixencias da Comisión ou, pola contra, enfrontaranse a multas diarias.