Netanyahu: "Atacaremos cada sitio e cada obxectivo do réxime dos aiatolás"
Israel ataca a Teherán mentres intercepta os mísiles iranís no norte do pais. As sirenas comezaron a sonar ás 23:12 hora local, 20:12 GMT
Omán confirmou que se cancelan as conversas nas negociacións sobre armas nucleares entre Irán e os EUA previstas para o domingo
Segue aumentando a tensión en Oriente Próximo. Ponse o sol e ao pouco as sirenas xa empezan a sonar. Este sábado pola noite o Exercito de Israel lanzou un novo ataque sobre obxectivos militares en Teherán, Iran, ao tempo que traballaba para interceptar a quinta onda de mísiles disparada pola república islámica, segundo anunciaron nun comunicado.
A alarmas antiaéreas concentráronse na cidade de Haifa (norte), a terceira máis importante do país e un importante núcleo económico, con centrais enerxéticas e unha refinería de petróleo, e outros puntos do norte do país.
As alarmas soaron á 23.12 hora local (20.12 GMT) ante un novo ataque de Irán, que desde a mañá do venres respondeu os ataques israelís no seu territorio con dous ataques con drons e ata cinco ondas de mísiles.
Minutos antes de que saltasen as alarmas, o Comando da Fronte Interior de Israel, que establece as directrices de seguridade para a poboación, chamaba ao país para permanecer preto de refuxios.
Ao longo do sábado, o Exército celebrou despexar o roteiro aéreo ata Teherán cos seus ataques, ameazando cun contra a capital iraniano.
En plena escalada bélica, o primeiro ministro israelí anunciaba na tarde do sábado novos ataques en Teherán.
"Asestamos un duro golpe ao seu programa nuclear", dixo, nun vídeo difundido este sábado... "Moi pronto verán avións israelís no ceo de Teherán. Atacaremos cada sitio e cada obxectivo do réxime dos aiatolás. O que sentiron ata agora non é nada comparado co que sentirán baixo a forza do noso brazo nos próximos días", advertiu Benjamín Netanyahu.
O ministro de Defensa israelí tamén avisaba "Teherán arderá".
Pouco despois destas ameazas, Israel atacaba cun dron unha importante refinería de gas iraniano no golfo Pérsico.
De madrugada, Irán lanzaba vagas de mísiles contra Israel en resposta á ofensiva israelí. Os ataques de Irán deixaron polo menos tres israelís mortos e máis de 80 feridos de distinta gravidade en Tel Aviv e Xerusalén. Varios proxectís impactaron contra edificios. O Exército israelí asegurou que interceptara un número indeterminado de drons iranianos.
Este sábado, nun ataque de Israel contra un edificio residencial de Teherán faleceron polo menos 60 persoas, 20 delas nenos. Tamén morreron polo menos 31 persoas e 55 resultaron feridas este sábado en ataques de Israel na provincia iraniana de Azerbaixán Oriental.
Fontes israelís aseguran que nas últimas horas Irán disparou 200 mísiles e 200 drons e Israel respondeu con 150 ataques.
Israel conseguiu matar a cúpula da Garda Revolucionaria e das Forzas Armadas e un grupo de polo menos seis científicos claves para o programa nuclear iraniano. Paralelamente, causou importantes estragos en instalacións do programa nuclear. Irán anunciaba este sábado a morte doutros dous altos cargos militares e outros tres científicos nucleares nos ataques israelís.
Con esta situación de ataques cruzados, Omán confirmou que se cancelan as conversas nas negociacións sobre armas nucleares entre Irán e os EUA previstas para o domingo.
