Publicador de contidos

Publicador de contidos

A chuvia remata un ano hidrolóxico excepcional en Galicia, en que deixou de chover o 75% do habitual

A chuvia remata un ano hidrolóxico excepcional en Galicia, en que deixou de chover o 75% do habitual

Esta semana a chuvia chegará, previsiblemente, ás provincias do interior

G24.gal 12/09/2022 15:57

Esta é a cara amable da seca. A visión do patrimonio asolagado que revive en momentos de escaseza de auga nos encoros, como este verán de temperaturas de ata 44 graos, incendios devastadores, fontes secas, ríos agónicos e presas á metade de capacidade. A prealerta por seca esténdese polos ríos da costa e os do interior, a última esta semana no Miño ao seu paso por Lugo.

Galicia enfronta a seca desde o inverno. O ano hidrolóxico que mide as precipitacións desde o un de setembro de 2021 ata o 31 de agosto doe 2022 quedou moi por baixo do habitual. Para os meteorólogos foi excepcional e anómalo pero sen lugar para alarmismos.

"Este ano foi anómalo pero non deixa de entrar no que é a variabilidade atmosférica, a variabilidade meteorolóxica, que nun período longo de 20-30 anos fai o clima dunha zona. Por un ano dentro dos últimos 5 a dez anos que sexa moi seco, moi cálido, non temos por que preocuparnos", asegura Pablo González, meteorológo de Meteogalicia.

Cando aínda non esqueceramos as restricións da pandemia, chegaron as da auga. Numerosos concellos tiveron que restrinxir a traída chegando a cortala de día e de noite para garantir o abastecemento. Ribadavia, un dos primeiros en decretalas hai un mes, recuperou esta semana a normalidade.

Nos meses estivais a capacidade das redes municipais de captación de auga reséntense pola presión turística. Construídas en función de condicións húmidas este verán acusaron a superpoboación estival e unha meteoroloxía impropia de Galicia.

"Nos últimos meses do ano pasado e practicamente todo este 2022 os meses caracterizáronse por ser secos ou moi secos, polo que a cantidade de auga que deixou de caer é moita na nosa xeografía, nalgunhas zonas menos do 75 % do habitual". "Este verán vai entrar nos anais da historia, seguro", di o meteorológo.

Só nun ano, o rural, a Galicia verde, esmorece coa seca que apertou a empresas agrícolas e explotacións gandeiras ata tal punto que se viron obrigados a sacrificar gando e adiantar colleitas. 

Á hostalería rural do interior galego non lle vai mellor. A seca escatimoulles a auga coa que atender clientes que, coas restricións, anularon as reservas. Algúns decidiron pechar.

O domingo pasado, o patrón atmosférico cambiou e volveu a chuvia con temperaturas moderadas que refrescaron o ambiente nas provincias atlánticas, sobre todo. A previsión é que cheguen para a semana tamén ás provincias do interior, como prevé Pablo González.

"A partir do domingo é moi probable que se achegue unha fronte activa que nos nosos prognósticos se vai achegar máis ás zonas de Lugo e Ourense". "Esta auga vai paliar a seca, sobre todo, nas provincias atlánticas. Temos que contar con esa escorrentía, con esa auga superficial e esa auga subterránea que alimenta os acuíferos".

Unha borrasca que esparexeu ledicia e esperanza no cambio meteorolóxico, pinga a pinga, pero como di González:

"Ser conscientes de que a auga é e vai ser en todo o mundo o novo ouro líquido e sen auga non somos nada".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos