A choiva e o vento activan o aviso amarelo en Galicia e noutras sete comunidades
A choiva e o vento activan o aviso amarelo en Galicia e noutras sete comunidades
Agárdanse precipitacións acumuladas de ata 40 litros por metro cadrado en doce horas na provincia da Coruña

A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou o aviso amarelo por choivas en zonas de Galicia, Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Cataluña, Navarra, Euskadi e da Comunidade Valenciana.
No suroeste e no interior da provincia da Coruña a precipitación acumulada en doce horas pode chegar aos 40 litros por metro cadrado. Tamén en Pontevedra, no interior, no Miño e nas Rías Baixas.
Ademais, nestes mesmos puntos prevense refachos máximos de 80 quilómetros por hora con ventos de sueste a sur e fenómenos costeiros por vento do sur ou sueste de forza 7 e ocasionalmente de oito.
No sur e na montaña de Ourense, o aviso é por vento, con refachos de ata 70 ou 80 quilómetros por hora.
Outras comunidades
En Andalucía, o aviso limítase á serra de Pedroches en Córdoba, por precipitacións acumuladas de 15 litros por metro cadrado nunha hora. En Castela-A Mancha agárdase a mesma cantidade en zonas de Cidade Real e Albacete, onde se prevén tormentas con probabilidade de sarabia.
En Euskadi, poden rexistrarse choivas e tormentas con acumulacións de 15 litros nunha hora en Biscaia. O mesmo aviso afecta á Comunidade Foral de Navarra, en concreto no centro e nos Pireneos.
En Aragón, a alerta actívase en zonas de Zaragoza e Huesca. Nesta última a precipitación acumulada en 12 horas pode chegar a 40 litros por metro cadrado no Pireneo, mentres no resto sería de ata 15 litros.
En Cataluña, o risco de precipitación acumulada de 15 litros por metro cadrado nunha hora e de tormentas, probablemente acompañadas de sarabia, céntrase en Lleida, en concreto no Val de Arán e no Pireneo.
Na Comunidade Valenciana, a alerta diríxese a Castelló e ao interior de Valencia por risco de precipitación acumulada de 20 litros por metro cadrado e de tormentas con probabilidade de sarabia.