A chegada do verán significa, para o márketing global, que hoxe é o día máis feliz do ano
O 20 de xuño, considerado o día máis feliz do ano co argumento da chegada do verán
Os psicólogos lembran que parte de dar coa felicidade depende de cada individuo
Expertos en psicoloxía destacan a importancia de tratar de construír a felicidade cada día
A chegada do verán marca, para moitos, o día máis feliz so ano a nivel mundial. Pero, os psicólogos lembran a importancia da necesidade de que se busque a construción da felicidade cada día. Buscar uns valores firmes e propios é capital, en opinión dos expertos, para lograr unha vida feliz.
Non se sabe onde está a felicidade ou o que é exactamente porque pode estar en calquera sitio, en todos os sitios. Por suxestión, seguramente, da mercadotecnia mundial, o 20 de xuño está considerado o día máis feliz do ano. O argumento é, entre outros, que chega o bo tempo, as boas sensacións.
Hai unha fórmula, psicoloxicamente falando, para lograr a felicidade. A metade da ecuación é xenética e depende tamén das circunstancias vitais. Pero a outra metade da fórmula para ser felices, depende de nós.
Cultivar as relacións persoais e conectar cos nosos valores, sexa o día que sexa, axuda a dar co segredo da felicidade. O bo tempo, as condicións ambientais externas poden axudar ou non a que nos sintamos máis ou menos felices pero, para os profesionais da psicoloxía, o importante é lograr que cada día, independentemente dos condicionantes externos, aprendamos a coñecernos e, destacando e valorando as nosas fortalezas, procuremos un tempo feliz en cada un dos momentos que vivimos.