Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Casa do Patrón recreou o proceso do liño en Lalín

A Casa do Patrón recreou o proceso do liño en Lalín

Este ano convidaron á Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua en Vilalba 

Os visitantes da Casa do Patrón puideron coñecer ás últimas fiadoras e tecedoras da parroquia de Zobra

G24.gal 12/10/2025 14:21

Volveu o fiadeiro á Casa do Patrón de Lalín, e nesta ocasión puidemos ver o proceso artesanal do liño, tanto das xentes de Codeseda como das que chegaron convidadas desde Vilalba. Non hai moitas diferenzas no xeito tradicional de fiar, e as dúas asociacións que participaron coinciden en que é fundamental dar a coñecer o patrimonio inmaterial galego para poñelo en valor.

Nuns tempos onde xa pouco liño se bota acudimos a unha recreación do proceso da fía e a tecedura. A primeira parte, desde a sementeira, cóntanola Lourdes, de como se fixo sempre en Vilalba. 

"Desde a primavera que o sementamos, despois haino que arrincar, ripalo, enlagalo, levalo ao río nove días. Sacalo, poñelo a secar, mazalo e quentalo no forno para que estale ben a aresta", conta Lourdes Otero Mato, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais da San Barlolomeu de Insua en Vilalba

A segunda parte do traballo, a que se facía nos fiadeiros de Lalín, explícaa Lola da Casa do Patrón

"Despois pásase polo restrelo onde se vai quedando co máis fino, onde se fan as estrigas. Despois pásase á roca, onde se fía e logo branquéase, envólvese no sarillo e pasa ao tear"

O que hoxe é recreación foi labor de moitos anos para mulleres como Maruja, de Zobra. 

"Tiña dez anos cando empecei a fiar e non me gustaba fiar a la porque a torcía moito, pero fiaba de todo. Aínda teño cobertores e sabas e colchas. As que non me valían porque eran pequenas, formeille ao gancho uns anacos. Agora non lle gustan as cousas de vello porque parece que as hai máis bonitas na feira. Non sei se son máis bonitas, pero hai que ir co mundo. Máis bonitas son estas, e duran a vida. Canto máis as lavas, as brancas, máis bonitas quedan"

E duradeira ten que ser tamén a tradición para que se conserve e se industrialice para que se poida volver vivir dela. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos