A Casa de Galicia en Nova York celebra os seus 85 anos
O conselleiro de Emprego salientou o labor da entidade na promoción da cultura e as tradicións de Galicia
A Casa de Galicia de Nova York, con arredor dun milleiro de socios, desenvolve unha variedade de actividades e celebracións culturais
A Casa de Galicia en Nova York celebrou esta fin de semana o seu 85 aniversario. Esta sociedade, que é lugar de encontro dos galegos que marcharon aos Estados Unidos e dos seus descendentes, busca promover e preservar a cultura e as tradicións de Galicia.
O conselleiro de Emprego, José González, acudiu á festa de aniversario e desde alí salientou o labor da entidade en prol da conservación e a difusión da galeguidades nos EUA, onde residen máis de 24.000 galegos.
A Casa de Galicia de Nova York, con arredor dun milleiro de socios, desenvolve unha variedade de actividades e celebracións culturais. José González salientou o labor das escolas de baile tradicional galego e música .
Unhas actividades, subliñou, que contan co apoio da Xunta de Galicia a través de accións como o programa Escolas Abertas, co que os profesores de entidades do exterior de materias como baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, confección de traxe tradicional, gaita e percusión, recibiron formación especializada en Galicia e coa que se levan formado máis de 2.000 persoas.
Peche da visita aos EUA
Con este acto remata a visita institucional realizada esta semana polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración aos Estados Unidos, que incluíu xuntanzas en Miami con persoas da colectividade galega e de empresas galegas radicadas en EEUU e en Newark.