A campaña Vai de Peixe introduce o mar na dieta dos 'millennials'
Influencers galegos como Xurxo Carreño ou María Mera difunden receitas sinxelas nas redes
Busca fomentar o consumo de peixe e marisco entre a mocidade
Gústalles o peixe, pero cando se emancipan desas nais e pais, a maioría non se animan a cociñalo.
"Cremos que vai ser moi caro e ademais é difícil escoller no mercado o que estea en mellor estado", di unha estudante.
Fáltalles un empurrón para tirarse ao mar e aos seus saudables manxares, e iso é o que busca a campaña Vai de Peixe.
"Busca convencer a xuventude de que é posible comer peixe, que non é caro e que se poden preparar receitas moi sinxelas", di Rosa Quintana, a conselleira do Mar.
Receitas, ideas e trucos que navegarán na web da campaña, no TikTok e nos perfís de María Mera, Donkey Cool, Xurxo Carreño ou Engaliciamórate. Influencers que se encargarán de vender o peixe nas redes.
"Creamos referentes. Se nas redes ves moitas receitas acabas anotando para facelas, e se ves moitas de peixe ao final te acabas animando a cociñalo máis", explica Fanny, a instagrammer de Engaliciamórate.
"Nos meus vídeos sempre meto cousas do mar: mexillóns, nécoras, lagostinos... Á xente gústalles porque intento facelo con humor e anímanse a facelas na casa", engade Xurxo.
A idea é que a mocidade se enganche tamén a estoutras redes, as do peixe, e que aposten por unha alimentación saudable e comprometida co medio ambiente.