A campaña do berberecho e a ameixa deixa 14 millóns de facturación en Noia
A campaña do berberecho e a ameixa deixa 14 millóns de facturación en Noia
Os mariscadores aseguran que é un resultado moito mellor do esperado
As restricións pola pandemia sobre a hostalería prexudicaron o labor dos mariscadores, pero na confraría de Noia pechan mañá a campaña da ameixa e do berberecho con mellores datos do esperado.
Noia ten a confraría con máis socios de Galicia e é a gran capital galega e europea do berberecho. Reparte as vendas en dous puntos que contan coma unha soa lonxa: en Testal e mais no Freixo, en Outes, na outra beira da ría.
Mañá 1.500 mariscadoras e mariscadores, a pé ou desde embarcación, rematan a primeira fase da campaña que empezou a mediados de setembro. Cunha facturación provisional próxima aos 14 millóns de euros na propia confraría consideran que o balance é bastante mellor do que eles mesmos esperaban.
E iso a pesar de que os prezos en decembro foron bastante máis baixos do habitual por culpa do aumento da covid e a conseguinte diminución da demanda da hostalería, que apenas traballou ceas de empresas e eventos.
Noia é a única confraría que conserva a campaña tradicional: traballan de mediados de setembro a final marzo e paran na primavera e o verán, e en xaneiro para revisar o estado do recurso e facer balance.
Bastante berberecho e ameixas xaponesa e fina. Na fina só en decembro sacaron 40 toneladas, había moitas campañas que non pasaba. A babosa escasea por culpa das riadas do inverno pasado.
Bos resultados e pesar de prezos mellorables. Xa se veu contando estes días; na praza as ameixas ían máis baratas no Nadal ca no verán.
Previsiblemente en febreiro volverán mariscar. Noia comercializa máis da metade de todo o berberecho galego e só con ameixas e berberechos é a sexta rula do país por facturación.