A calor do verán atrasou a sementeira dos grelos
A terra estaba moi seca e a colleita vaise demorar
En Monfero non agardan comezar a vender grelo ata xaneiro
Francisco Souto mira como medran os primeiros grelos da temporada. Van con demora porque, como moitos outros produtores de Monfero, tivo que atrasar un mes a sementeira dunha das variedades tradicionais deste produto máis cobizadas pola súa tenrura.
En agosto había moita calor e moito polvo, houbo que agardar ata setembro, conta. Coincide nesa apreciación Xosé Manuel González, da cooperativa CLUN do Val do Xestoso.
O resultado final da colleita vai depender de como veña o tempo. Xosé Manuel explícanos que o grelo precisa frío pero non moito, porque catro ou cinco días continúos de xeadas tamén poden estragar a planta. E se ven moita humidade e calor no outono tampouco e bo, porque lle entran os fungos.
Nesta zona cada vez quedan máis parcelas sen cultivar. Dos 70 produtores que chegou a haber apenas queda unha vintena. Non é unha actividade económica principal das explotacions e tampouco se pode contar coa remuda xeracional.
Francisco conta que nas súas leiras só traballan el e a súa muller. Pero que a xente maior como eles xa non poden traballar moito a terra, e os mozos non queren.
Noutros lugares de Galicia xa hai nabiza, pero en Monfero dedícanse exclusivamente ao grelo, polo que haberá que agardar a xaneiro para degustalo.